CRTVG

Buscar

Os almorzos

Luis Mora, director xeral de PharmaMar

11/07/2017 - 09:26 h
Luis Mora, director xeral de PharmaMar

O director xeral da farmacéutica PharmaMar, Luis Mora, enxalzou hoxe nos 'Almorzos do Galicia por diante' o seu novo medicamento antitumoral, que deron en chamar Zepsyre. Segundo dixo, están moi esperanzados tras o éxito dos ensaios clínicos e recordou que "algunhas casas de investimentos xa o valoran en mil millóns de euros no estadío actual".

Yondelis foi o primeiro fármaco pero detrás do Yondelis existen outros en que temos postas moitas esperanzas. O primeiro é o Aplidin, que esperamos a opinión da Axencia Europea do Medicamento a finais deste ano para un tipo de cancro hematolóxico. Se a opinión é positiva, xa iniciaremos a súa comercialización

O outro composto, que para nós é o produto estrela que temos, é o que se chama Zepsyre. A xente aínda o coñece como PM1183. Esperamos os resultados da última fase de ensaios clínicos para finais deste ano ou primeiros do próximo. E hai outro ensaio moi importante que é no cancro de pulmón de células pequenas que está indo moi ben no recrutamento. Polo tanto, con todo isto, esperamos que o ano que vén e este ano sexan moi bos para a compañía

Esperamos que o Zepsyre será mellor ca o Yondelis. Así o está demostrando en ensaios clínicos. No cancro de ovario, un subtipo que se chama platino-resistente, a incidencia é aproxidamante o 30 por cento. O cancro de pulmón de célula pequena é entre o 15-16%. Afecta sobre todo ás persoas que fuman e hai 20 anos que non se aproba ningún novo fármaco. A esperanza de vida é moi pouca. A mediana de supervivencia é de 8 meses. E hai unha necesidade médica enorme

No cancro de endometrio tampouco hai nada especificamente aprobado. Moitos produtos xa o intentaron e desgraciadamente non houbo sorte e nós en fases temperás de desenvolvemento e incluso en fase 2 vimos unha actividade moi importante e empezaremos seguramente a fase 3 o ano que vén

Algunhas casas de investimento valórano en mil millóns no estadío actual. Decidimos comercializalo nós mesmos nos Estados Unidos. Xa o fixemos en Europa en 2007. Moi poucas compañías, no cancro ningunha, desenvolveron unha rede de vendas e comercialización en toda Europa. E agora decidimos pegar o salto aos Estados Unidos para comercializalo nós directamente

Estamos moi contentos pola marcha da compañía, tanto pola parte das vendas, a parte dos acordos de licenza, como polo lado do avance nos nosos compostos nas diferentes fases do desenvolvemento. Os resultados están sendo moi bos. E iso estase reflectindo por fin no valor

Mora explicou na Radio Galega que están facendo investimentos moi elevados para conseguir novos fármacos e recordou que PharmaMar ten a maior mostra de plantas mariñas do mundo, para que os seus científicos busquen compostos que loiten contra o cancro.

O obxectivo a medio prazo, dixo, é que os cancros acaben convertidos en enfermidades crónicas, como ocorreu coa sida ou coa hepatite.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí