CRTVG

Buscar

Os almorzos

Louzán medita o seu salto á Federación Española de Fútbol no 2020

03/05/2018 - 08:24 h
Louzán medita o seu salto á Federación Española de Fútbol no 2020

Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, recoñeceu nos 'Almorzos do Galicia por diante' que baralla presentarse como candidato para dirixir os destinos do fútbol español. Matizou, non obstante, que o fará nas eleccións do 2020, unha vez rematado o período de transición no que Louzán apoia a candidatura de Juan Luis Larrea.

"A Federación Española leva moito tempo ofrecendo un espectáculo lamentable. Larrea é o mellor candidato para conducir esta etapa de transición e poñer o contador a cero no 2020. A partir de aí, se teño o apoio maioritario da Federación, podería entrar na carreira para dirixir o fútbol español".

Louzán destacou a necesidade de modificar a estrutura básica dos clubs. A delegación galega defenderá a semana próxima en Donostia a reorganización da Segunda e da Terceira División.

"Levamos trinta anos coa mesma estrutura e hai que cambiala. O noso proxecto situaría dous grupos en 2ª e outros cambios en 3ª, na división de honra e no fútbol xuvenil".

Nos 'Almorzos do Galicia por diante', Rafael Louzán apostou por unha Lei do Deporte Afeccionado. Pediulles ás administracións que aposten pola dinamización do deporte e a mellora das instalacións.

"Digo isto porque as empresas atravesan dificultades e resulta complicado que acheguen recursos".

O presidente da Federación Galega de Fútbol convidou as galegas e os galegos a viviren a paixón do derbi Celta-Dépor que se celebrará este sábado en Balaídos.

"Temos que apoiar a continuidade dos dous equipos na mellor liga do mundo. O Dépor deixará de estalo, esperamos que só unha temporada, e que a próxima volva á primeira división, que é onde merece estar".

Rafael Louzán confía en recuperar o ano próximo a Festa do Fútbol Galego.

"Hai varias seleccións interesadas en xogar coa galega. O que ocorre é que nós queremos facelo no mes de maio e os clubs teñen problemas de calendario".

Acerca da continuidade de Tino Fernández na presidencia do Deportivo, Rafael Louzán amosouse contrario ao adianto das eleccións.

"As présas non son boas conselleiras. Fernández fixo unha boa xestión económica, e véxoo convencido de que pode reverter a situación, de levar de novo o Dépor a primeira".

O presidente da Federación Galega de Fútbol tamén se referiu ás diferenzas entre o presidente do Celta e o alcalde de Vigo. Louzán aclarou que tanto o Celta coma o Dépor son sociedades anónimas e que, como tales, precisan espazos para poder xerar recursos extraordinarios.

"Balaídos non reúne as condicións necesarias, falta espazo, servizos, zonas de aparcadoiro. As instalacións deber ser acordes coas necesidades do club e dos socios, que son os que pagan".

Rafael Louzán queixouse, ademais, dos máis de dez anos que leva agardando a que a Audiencia de Pontevedra decida sobre o proceso xudicial que ten pendente.

"O asunto non ten pés nin cabeza. Compras un local, alúgalo e despois dise que pode estar por riba do prezo de mercado, cando na mesma zona hai contratos mesmo máis caros. É moi rebuscado. Se fose unha persoa normal, non tería ocorrido", concluíu Louzán, que, cando se iniciou o procedemento, era presidente da Deputación de Pontevedra.  

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí