CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Os orzamentos son vergoñentos para Galicia e Feijóo cala submisamente"

05/04/2018 - 08:25 h

O deputado socialista valorou nos 'Almorzos' da Radio Galega o investimento que prevé para Galicia o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado e destacou que "os últimos dous anos son os únicos en que non pasamos dos mil millóns de euros en Galicia; mesmo durante os anos de crise se investiu máis no noso país". Engade Torrado que "os orzamentos desvelan tamén que o Goberno xa pensa en 2025 para a chegada do AVE a Galicia. O PP promete, pero non cumpre"

E ante estes orzamentos, o deputado socialista critica a actitude do presidente da Xunta. "Feijóo cala submisamente porque está en campaña de fuxir cara a Madrid. Non sei cales son as súas forzas alí, pero é evidente que o presidente xa non pensa en Galicia; pensa en ir para Madrid". Engade que "Feijóo ten que facer o seu papelón de defendelos, pero son vergoñentos para Galicia. Prefire defender o seu partido en Madrid que a Galicia"

Sobre o traballo no Parlamento galego, Julio Torrado apunta que "debera existir máis acordo. O PP está instalado nun autoritarismo moral pouco aceptable, nega sempre a realidade e afirma que todo está perfecto. Por exemplo, na sanidade, a situación do persoal sanitario é problemática por mor dos recortes e o PP négao. Daquela é imposible formular estas cuestións"

Torrado é especialmente crítico coa reforma da Lei de Sanidade que acaba de aprobar o Parlamento cos votos do PP. "O PP quere concentrar os servizos sanitarios nas cidades para facer menos investimento. Está claro que a Xunta ten menos interese polos servizos públicos que nos igualan a todos. O modelo da dereita é que hai que cubrir necesidades básicas, pero non cre na igualdade de oportunidades. Esta reforma non a garante".

E sobre a situación do PSdeG, Torrado apunta que "os cambios sempre son lentos, pero temos unha presenza á alza e o partido traballa nos temas relevantes. O traballo parlamentario tamén está sendo sensato en temas relevantes. Eu creo que agora mesmo damos a impresión de partido que artella unha alternativa sólida. É un partido que está respondendo".

De cara ás eleccións municipais do ano que vén, Torrado reflexiona sobre a limitación de mandatos. "Eu estou sempre a favor da renovación, pero a limitación de mandatos tampouco me parece acertada de por si, porque non me parece lóxico limitar presentarse ás eleccións a alguén que ten apoio amplo dos cidadáns".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí