CRTVG

Buscar

Os almorzos

"As universidades necesitan un financiamento estrutural"

15/05/2018 - 08:23 h

Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, entende que agora mesmo hai boa sintonía entre as tres universidades galegas.

Todos estamos para colaborar en facer un sistema universitario máis forte, máis potente para o país. Podemos colaborar dende o apoio ou dende a competencia, pero sempre con lealdade

Unha das preocupacións das universidades galegas, segundo Abalde, é o financiamento.

As universidades precisan un financiamento estrutural, non condicionado, para poder traballar libremente. Iso non significa incrementar fondos, senón facer unha repartición diferente. As tres universidades estamos de acordo en que se debe primar a parte estrutural do financiamento para que sexa suficiente para as tres universidades

Sobre os cambios que experimentou a universidade nos últimos anos co Plan Boloña, Julio Abalde di que "aínda é cedo para avaliar o sistema novo, pero todos os indicadores din que hai maiores taxas de éxito que co modelo anterior".

Dende logo, Boloña supuxo un cambio moi importante no traballo das universidades e do profesorado e desenvolveuse no medio dun contexto de crise económica e recortes

O reitor coruñés entende que aínda non é tempo de cambiar a duración de graos e mestrados porque "as taxas dos mestrados son case o dobre que as dos graos; entón non poden ser graos de tres anos".

Se houbese un equilibrio, poderíase ver por titulacións de facer 4+1, ou 3+2... O debate está nas taxas, que son máis caras no mestrado. Mentres iso non se solucione, non se pode facer o debate académico e ben están os graos de catro anos

Unha última reflexión sobre a situación da investigación na universidade. Di o reitor Julio Abalde que "se non somos quen de crear un ecosistema que permita ter financiamento dabondo para a investigación e consolidar os grupos de investigación, dificilmente poderemos competir coas universidades estranxeiras".

Hai moitos grupos que arrancaron as investigacións e agora están ralentizando ou paralizando a actividade por falta de financiamento. Todos os centros de investigación de España están pasando por un momento complicado. España reduciu o gasto en I+D cando outros países o aumentaron

É unha cuestión social. Se non hai percepción de que estamos xogando o noso futuro, dificilmente o I+D será prioridade do Goberno. Debería estar nas axendas políticas, pero aquí non é así. Ou investimos en I+D ou teremos un futuro complicado

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí