CRTVG

Buscar

Os almorzos

Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña

20/03/2017 - 09:27 h
Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, considera un bo acordo para todos a sinatura do convenio de planificación da oferta académica do Sistema Universitario Galego que asinan esta tarde a Xunta e as universidades.

Nos Almorzos do "Galicia por diante", Julio Abalde salientou o equilibrio existente agora nesa oferta académica, pero engadiu que non establa plasmado por escrito. "Agora haberá unha seguridade xurídica".

O reitor coruñés dixo que as universidades están agora nun proceso de cambio na formación, polas novas tecnoloxías. Asegurou que xa se camiña cara á especialización.

En Ferrol  hai un campus industrial e agora hai que definir as liñas do da Coruña

O acordo desta tarde fará visible o labor que facían as tres universidades ata o de agora

Ao preguntarlle polo antigo debate sobre a Facultade de Medicina, o reitor coruñés di que non está enriba da mesa.

"Rematou cando se asinou o acordo de colaboración. Estamos a mirar cantos profesionais da Coruña poden participar na docencia de Medicina".

A Universidade coruñesa está a rematar co cambio na súa estrutura. Hai eleccións nos centros porque, segundo o reitor, detectaron unha estrutura grande e non eficiente. Por iso decidiron que sexa máis sinxela e redúcense cargos.

Sobre as oposicións de docentes e investigadores, espera que non se paren durante un ano porque eles teñen planificado os próximos dous anos o tema do profesorado.

Respecto da derrogación da LOMCE, a Julio Abalde preocúpalle a norma que regulamentará o proceso mentres non hai unha nova lei. Afirma que teñen que ser estables e ter unha seguridade xurídica para poder aplicala.

Amósase partidario dun gran pacto pola educación para os próximos 15 ou 20 anos e en contra das reválidas para acceder ás universidades como se contemplaban na LOMCE. Di Abaldes que o sistema de entrada no sistema universitario debe ser universal. Tampouco está a favor das reválidas da ESO. Cre que é máis xusta a avaliación do traballo diario ca probas dun día.

Ao preguntarlle polo sistema de 3 máis 2, o reitor dixo na Radio Galega que o sistema de graos require unha tranquilidade.

As universidades traballamos co Ministerio para que ese sistema se aplique dun xeito razoable. Ninguén dubida de que haxa graos de tres anos, pero o que non pode ser é que nunhas universidades un grao dure tres anos e noutras catro

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí