CRTVG

Buscar

Os almorzos

Juan Díaz Villoslada, candidato á secretaria xeral do PSdeG

13/09/2017 - 08:16 h
Juan Díaz Villoslada, candidato á secretaria xeral do PSdeG

O candidato ás primarias socialistas galegas Juan Díaz Villoslada cre que os aspirantes a dirixir o partido non deberían unificar candidaturas a estas alturas do proceso. Ao seu xuízo, o momento para facelo era antes de coñecerse o calendario ou unha vez o proceso estea finalizado. O contrario sería enganar á militancia. "Todos os que iniciamos esa carreira debemos ter a intención de chegar ata o final -asegurou nos Almorzos do 'Galicia por diante'-. O momento das alianzas ou é anterior ao inicio do calendario oficial de primarias ou a posteriori. No medio sería enganoso para os nosos militantes".
   Villoslada asegura que a campaña está sendo limpa por parte de todos os aspirantes, malia as críticas vertidas por Gonzalo Caballero contra el porque foi subdirector xeral de Administración Local con Manuel Fraga. "Creo que hai xogo limpo entre nós, aínda que ás veces -os candidatos- embarran un pouco", confesa. O candidato socialista afirma que non se debería entrar neste tipo de estratexias políticas, xa que "eu vexo que iso non é o que queren escoitar os militantes" e di sentirse "orgulloso da miña carreira profesional, non teño nada que ocultar".
    Villoslada asegura que a diferenza entre os tres aspirantes está na capacidade de cada un de abrir unha nova etapa no partido e neste senso el di sentirse "absolutamente libre".
   Cre que, por cortesía parlamentaria, o Debate do Estado da Autonomía non debería celebrarse ata que o PSdeG escolla o seu novo líder e amosa a súa preocupación pola posibilidade de que o referendo ilegal de Cataluña acabe contaminando o proceso de primarias socialistas.

Debaate de Autonomía, reforma sanitaria e Meirás

Villoslada xustifica a decisión do PSdeG de votar en contra da proposta do BNG para fixar un cupo económico para Galicia. "Consideramos que non era tecnicamente viable, tampouco economicamente positiva nin oportuna en termos da situción política actual".
   O candidato ás primarias socialistas critica ao PPdeG por someter a información publica, en pleno mes de agosto, o anteproxecto de lei para a modificación da Lei de Saúde da Galicia e reclama á familia Franco que devolva ao patrimonio galego o Pazo de Meirás, xa que "é un símbolo da represión franquista en Galicia". Ademais, pídelle á xustiza que estude a posibilidade de ilegalizar a fundación que leva o nome do ditador. "Calquera fundación que poida dar lugar a indicios de manifestacións de odio debe ser perseguida pola xustiza", asegura. "Nós pedimos unha acción da xustiza para investigar se as manifestacións da Fundación Franco están dentro do marco legal ou non".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí