CRTVG

Buscar

Os almorzos

José Luís Antuña, director xeral de CLUN

26/07/2017 - 09:25 h
José Luís Antuña, director xeral de CLUN

O director xeral de Feiraco, José Luís Antuña, tamén director xeral de CLUN, que agrupa as cooperativas Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños, convidou os gandeiros galegos a sumarse ao proxecto para ser máis grandes e así facer investimentos cos que posicionarse mellor no mercado.

Nós somos moi pequenos. Galicia produce case o 40% do leite de España. É a oitava ou a novena rexión produtora de Europa e está moi atomizada a capacidade dos gandeiros e das decisións. Temos demasiadas cooperativas e moitos gandeiros que non están integrados en ningún modelo cooperativo

É imprescindible ter dimensión para competir. Partimos dunha atomización moi importante. Vivimos sempre de lamentar as nosas debilidades: os prezos, a nosa capacidade de negociación... Os grandes modelos europeos e mundiais son grandes modelos cooperativos que teñen unha capacidade moi importante para competir e para influír

Antuña recordou que nos últimos anos, o proxecto de Feiraco comprou CLESA, daquela en bancarrota pola xestión do grupo Ruiz-Mateos, a fábrica de queixos ARQUEGA de Montesalgueiro, ou tamén a torre de po cos sistemas de deshidratación de leite.

Necesitamos ser un pouco maiores para poder investir máis e poder ter maior decisión para afrontar todo isto. Temos tecnoloxía, coñecemento, temos en Galicia a Aula de Produtos Lácteos, temos capacidade de innovación... temos todos os vimbios. O que fai falta é poder afrontalo coa dimensión adecuada

Estamos no camiño. Eu estou convencido de que CLUN non é máis que a punta de lanza do que vai ser unha grande integración galega para comercializar conxuntamente a nosa materia prima

O consumo de leite en occidente está caendo de forma moi importante. En España pasamos dos 100 litros anuais de consumo por persoa a principios do século a ter agora 72. Perdemos un 28% do consumo de leite, mentres que os países emerxentes están medrando de forma constante entre un 1,5 e 2 por cento anual. Para afrontar a internacionalización e a capacidade de comercialización hai que ter a dimensión adecuada, ter equipos comerciais... e todo iso esixe uns niveis de facturación, de recursos e de innovación moi importantes

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí