CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O problema da PAC está na distribución das axudas que fai España e non en Bruxelas"

31/01/2018 - 08:21 h

O deputado socialista no Parlamento Europeo, José Blanco, acusa o Goberno español de facer unha mala distribución dos fondos da PAC. Na entrevista dos Almorzos da Radio Galega, Blanco sostivo que o problema non está en Bruxelas, senón en España, onde di que hai quen recibe estas axudas europeas sen sequera dedicarse á explotación gandeira.

Mentres en Francia priman os gandeiros, en Galicia hai xente con grandes extensións de terra que recibe as axudas e non se dedica á explotación gandeira. Quero matizalo; hai quen di que é Bruxelas, e non o é. É a forma na que o Goberno de España, en connivencia coa Xunta de Galicia, distribúe os recursos

O socialista tamén apunta que Galicia é das comunidades máis expostas e menos preparadas ante as consecuencias do cambio climático. Sostén José Blanco que non só fai falta a comisión sobre a política forestal, senón tamén reordenar a costa ou traballar na transición enerxética. 
O eurodeputado aposta por actualizar a Constitución e revisar o modelo das autonomías para incorporar máis dereitos. En concreto, e dentro deste marco, aposta por unha actualización do Estatuto galego.

Ao preguntarlle polo caso Campión, José Blanco dixo que "había un interese político detrás desa decisión (a súa imputación) para tratar de dificultar o meu compromiso con Galicia, que nese momento despuntaba demasiado". No 2013 o Tribunal Supremo arquivou a causa aberta contra o ex-ministro socialista de Fomento por tráfico de influencias. Cinco anos despois, José Blanco sostén que "o tempo pasou e puxo as cousas no seu sitio. Estou contento co funcionamento da xustiza".

Sobre o futuro do PSdeG, o eurodeputado socialista considera que é "esperanzador". Engadiu que os socialistas teñen "o seu liderado resolto" e que xa poden "pensar en Galicia", mentres que "o PPdeG non ten solucionado o seu problema de liderado despois de que Feijóo anunciase que non vai recuncar no cargo". José Blanco tamén arremeteu contra os gobernos municipais das mareas para destacar que os socialistas teñen "toda unha oportunidade" nas eleccións do ano que vén. 

 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí