CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O futuro dos campus galegos pasa pola especialización"

04/06/2018 - 08:21 h

O secretario xeral de Universidades da Xunta dixo nos 'Almorzos do Galicia por Diante' que "co descenso do alumnado universitario, é máis necesario que nunca buscar a especialización e a eficiencia".

Os tres reitores galegos coinciden coa Consellería de Educación na necesidade de responder á especialización que precisa o noso mercado laboral

José Alberto Díaz de Castro adiantou que nas próximas semanas se vai presentar o Plan de excelencia do sistema universitario galego.

Este plan detallará o perfil profesional do futuro, o tipo de empresas que demanda o tecido económico e social galego para a próxima década

O que se pretende é que as novas titulacións estean avaladas por un estudo previo das tendencias económicas e sociais, da especialización que demanda o mercado de traballo

O convidado dos 'Almorzos do Galicia por Diante' desbotou que o desenvolvemento do mapa universitario galego poida supoñer a desaparición dalgunhas titulacións con menos demanda, a maioría en Ciencias Sociais e Humanidades.

O sistema universitario galego está de acordo en que, con ou sen alumnos, as humanidades deben existir. Haberá polo menos unha titulación en cada campus

Acerca das taxas universitarias, José Alberto Díaz de Castro confirmou a intención da Xunta de mantelas conxeladas nos próximos cursos. Dixo que, en todo caso, haberá que agardar ao nomeamento do novo ministro de Educación.

A intención en Galicia é que siga sendo a Administración, e non as familias, quen asuma o gasto do sistema universitario. Mesmo, como xa fixemos este ano, baixando os prezos do másteres

O secretario xeral de Universidades destacou o consenso acerca do cambio de datas da Selectividade, que este ano terán lugar os días 12, 13 e 14 de xuño.

O curso 2018-2019 será o último coas probas en setembro. Pasarán a realizarse nos meses de xuño e xullo. Así, o alumnado poderá incorporarse ás aulas co resto dos compañeiros que aprobaron o curso en xuño. Conseguiremos que os institutos adapten o calendario de segundo de bacharelato, algo que tamén era necesario

José Alberto Díaz de Castro defendeu nos 'Almorzos do Galicia por Diante' a localización da sede do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG) na Cidade da Cultura. O secretario xeral de Universidades considera unha decisión intelixente "aproveitar o espazo que ía albergar o Teatro da Ópera e convertelo en sede do novo órgano de coordinación das tres universidades galegas".

Cada vez hai máis cousas que é necesario abordar de maneira conxunta, en investigación, adquisición de equipos e de recursos. Nada mellor que un órgano xurídico, formal como o CISUG para acometer ese tipo de actuacións

José Alberto Díaz de Castro destacou que no mesmo edificio se situarán a Axencia Galega de Calidade do Sistema Universitario e outras dependencias que carecían dunha sede axeitada para desenvolver as súas funcións. 

O convidado dos 'Almorzos do Galicia por Diante' destacou que o Consorcio Interuniversitario Galego tomará as decisións máis importantes por unanimidade.

Cada vez é máis necesario o diálogo e o consenso. As tres universidades galegas terán que falar e estar de acordo á hora de tomar acordos. A nosa secretaría limitarase, coma sempre, a apoiar e a traballar na planificación do sistema    

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí