CRTVG

Buscar

Os almorzos

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol

19/09/2017 - 08:19 h
Jorge Suárez, alcalde de Ferrol

O alcalde de Ferrol pídelles colaboración aos grupos municipais para poder consensuar os orzamentos do ano que vén. Nunha entrevista nos Almorzos do 'Galicia por diante', Jorge Suárez dixo que as contas se van presentar nas semanas próximas e demanda altura de miras a todos os partidos en beneficio da cidade.

Considera Suárez que a nova etapa de Pedro Sánchez no PSOE debería facer máis doado chegar a acordos entre as forzas de esquerda, tanto "a nivel de país como de cidade". Sobre o PP considera que "está nun impasse ata que chegue un candidato solvente á cidade" tras a marcha de Rey Varela á consellería.

Sobre a necesidade de colaboración política, destacou Suárez que foi a que fixo posible o acordo entre a Xunta e o Concello para rematar o saneamento da ría ferrolá con fondos europeos. O rexedor avaliaba positivamente a sinatura do acordo, que destinará 7 millóns de euros ás actuacións previstas na ensenada da Malata e salienta que "unicamente quedarían pendentes determinadas zonas do rural para ter un saneamento completo da cidade".

O alcalde aproveitou unha vez máis para reivindicar o investimento en infraestruturas ferroviarias na comarca, lembrando que un ferrolán que queira ir á Coruña en tren tarda unha hora e media en facer os 50 quilómetros de percorrido.

Interrogado sobre o futuro de En Marea, Suárez fai autocrítica apuntando que "nun ambiente hostil, non o fixemos todo o ben que a xente agardaba de nós", pero considera que "é punta de lanza dun proceso que chegou para quedar".

Tamén expresou o rexedor, funcionario de Xustiza, a súa impresión sobre a actuación do Goberno central ante o proceso soberanista. Considera que ningún proceso electoral, "regular ou irregular", pode ser freado "a través da violencia institucional". Cre que a investigación de alcaldes e a incautación de papeletas son actuacións "ata ridículas" e advirte que "non estamos reflexionando sobre as consecuencias do que está a pasar".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí