CRTVG

Buscar

Os almorzos

Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade

15/09/2017 - 08:18 h
Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade

O conselleiro de Sanidade asegurou nos Almorzos do 'Galicia por diante' que a reforma da Lei de saúde permitirá mellorar a atención ao paciente, con máis servizos e maior proximidade a el. Fronte ás queixas xurdidas, Jesús Vázquez Almuíña nega que se vaian desmantelar áreas sanitarias. Destaca, pola contra, que os hospitais comarcais quedarán blindados coa creación dos distritos sanitarios, 14 en total. Terán, pois, segundo dixo, "a mesma consideración que os demais hospitais".
O conselleiro recalcou que queren consolidar o modelo organizativo implantado en 2010, cunha maior coordinación entre a atención primaria e a hospitalaria para que "circule a información e non os cidadáns"

Segundo destacou, desde 2012 ata hoxe fixéronse nos hospitais comarcais máis de 250.000 consultas; evitáronse pois, segundo Jesús Vázquez, máis de 250.000 desprazamentos.  
O conselleiro estalles detallando a lei aos distintos sectores, sindicatos, colexios profesionais, alcaldes... E desde o 'Galicia por diante' fixo tamén un chamamento á oposición, á que lle pide que deixe de lado as críticas e faga as súas achegas cando a reforma chegue ao Parlamento.

Jesús Vázquez Almuíña falou tamén da reforma do decreto que regula as farmacias e que, entre outras cousas, prohibirá traspasar unha con menos de quince anos de servizo ou que establece un novo procedemento para adxudicar novas boticas, a través dun acto público. O conselleiro di que o diálogo co sector é fundamental para, entre todos, mellorar a normativa e conseguir darlle un servizo de calidade ao cidadán.

O conselleiro, que tamén está inmerso na elaboración dos próximos presupostos, destacou o "alto nivel" da sanidade en Galicia. A nosa comunidade, recalcou, é pioneira en posibilitarlles aos pacientes que accedan á súa historia clínica desde calquera lugar grazas á plataforma E-saúde. 
Destacou tamén o servizo de teleasistencia, que permite que en máis de catorce centros de Galicia se teña controlados a pacientes crónicos desde o seu domicilio. 

Malia todo, dixo, hai que seguir avanzando e botando man das novas tecnoloxías para que o cidadán "reciba o mellor".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí