CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Aprecio na oposición cada día máis radicalidade a medida que se aproximan as eleccións municipais"

11/04/2018 - 08:24 h

O alcalde popular de Ourense reflexionou esta mañá, nos 'Almorzos' da Radio Galega, sobre a situación do seu Goberno, en minoría, e amosouse crítico coa política da oposición. A medida que se aproximan as eleccións, “noto maior radicalidade, maior confrontación, maior negación incluso a disimular ou a poder sentar nunha mesa para ese diálogo”, dixo. Jesús Vázquez referíase ás dificultades para sacar adiante os orzamentos municipais e á segunda reprobación que afronta nun pleno extraordinario solicitado hoxe por Democracia Ourensana, o partido maioritario da oposición, con que se amosou especialmente duro, e co seu portavoz, Gonzalo Pérez Jácome, en particular.

Parece que ás veces se compra a mensaxe daquel que insulta, se levanta, pega catro gritos.  Pensa que pode converter un pleno no seu estudio de televisión, no seu circo. É unha situación de análise. Probablemente, daría para un máster

Esperemos que a coherencia do resto dos partidos evite que Ourense poida ter un mal menor

Jesús Vázquez confía, polo demais, en que se cumpran os prazos do AVE.

O AVE é unha realidade inmediata. Non hai semana sen que no BOE non apareza a adxudicación ou licitación de proxectos vencellados co AVE

Espero que ningún partido impida o que é unha obrigación e necesidade para o noroeste de España

Manifestouse tamén satisfeito coas partidas que o proxecto de orzamentos do Estado contempla para Ourense, en que, ademais do AVE, figuran a variante norte da cidade ou o Museo Arqueolóxico, incluído no complexo de San Francisco. O alcalde ourensán agarda ademais que a cidade se poida beneficiar agora que o ministerio de Facenda autorizará investimentos ou a contratación de persoal en concellos con superávit, como é o caso de Ourense. De cara ás eleccións do ano que vén, Jesús Vázquez amosouse ilusionado coa posibilidade de repetir como candidato do PP, se así o quere o partido. "Un proxecto non debería durar catro anos”, recoñeceu o alcalde de Ourense. E non eludiu o rexedor a polémica sobre o máster de Cristina Cifuentes. "Ten que aclararse canto antes, polo ben de todos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí