CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O ritmo de titulados que provén as universidades non chega para cubrir a nosa demanda de profesionais"

21/06/2018 - 08:28 h

As empresas galegas de tecnoloxías da información e da comunicación non dan cuberto mil prazas que teñen vacantes. Buscan especialmente informáticos, físicos e matemáticos.

Empeza a non ser abondo o número de profesionais. Temos feita unha enquisa interna nas empresas do clúster en que detectamos que, a día de hoxe, estimamos que no sector hai unha demanda de profesionais non cuberta de mil prazas

Entre 2015 e 2016, que son os últimos datos oficiais que existen, o sector medrou en 400 persoas. O ritmo de titulados que provén as universidades non alcanza a cubrir esa demanda

Por iso, explicou Jesús Lage, as empresas que forman o clúster tentan atraer outro tipo de profesionais doutros sectores económicos, pero formándoos en novas tecnoloxías.

Podemos e debemos estender o abano dese universo a outras titulacións e outras formacións de orixe, de tal xeito que cunha formación complementaria daremos capacitado profesionais que inicialmente non tiñan unha orientación clara nese sector, pero axudariámoslles a percorreren ese camiño que é preciso para saltar desde esa formación inicial ao noso sector

Lage destacou tamén a escasa presenza feminina no sector e marcouno como "unha materia pendente", ao igual que atraer xente nova que agora está cursando ensino secundario e non se decanta por carreiras tecnolóxicas.

Se calquera rapaz está pensando a día de hoxe como cambiar o mundo, a mellor maneira de facelo é a través das novas tecnoloxías

O presidente do clúster, que representa a 103 empresas en Galicia, moitas delas relacionadas co ámbito sanitario, destacou que están dándolles traballo a máis de 16.000 persoas.

A situación en Galicia non é moi diferente da do resto do Estado. Temos boas empresas, temos bo talento, que é o importante no ámbito da tecnoloxía. Ao final, son as persoas e o talento. Penso que estamos sendo quen de competir, desde a nosa dimensión, obviamente. Nós, ao final, somos unha pequena comunidade autónoma nun pequeno país periférico da Unión Europea, pero penso que desde aquí se están facendo cousas moi interesantes e temos un futuro bastante interesante por diante

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí