CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Unha estrada en bo estado é unha estrada máis segura"

09/05/2018 - 08:23 h

Jeanne Picard e Mario Arnaldo destacaron, nos 'Almorzos do Galicia por diante', a importancia dun bo mantemento das estradas para mellorar a seguridade viaria. A presidenta de Stop Accidentes di que "o duro inverno que tivemos esixe un esforzo das administracións para manter a rede viaria en condicións óptimas para a circulación. Unha estrada en bo estado sempre será unha estrada máis segura".

Segundo o presidente de Automovilistas Europeos Asociados, "o mantemento da rede viaria dependente de Fomento, máis de 26.000 quilómetros, esixe o investimento anual de 1.800 millóns de euros, o dobre do que se gastou nos últimos exercicios. E as previsións para este exercicio non son máis optimistas".

Os dous convidados dos 'Almorzos do Galicia por diante' felicitáronse de que, nas estradas galegas, abril fose o primeiro mes sen mortes nas vías interurbanas. Jeanne Picard dixo que "é unha tendencia que debe continuar. Obedece, quizais, a un comportamento máis responsable dos condutores, aos controis preventivos e ás sancións. Pola vía da educación aínda non o temos conseguido. É a materia pendente"

A presidenta de Stop Accidentes explicou que o "carné por puntos" reduciu máis do 70% as mortes en accidentes. "De 6.000 vítimas mortais ao ano a comezos do 2000 baixamos a 1.800 no 2016, o último ano no que publicou estatísticas a DXT". Jeanne Picard apuntou o exceso de velocidade como a principal causa da sinistralidade. "A maior velocidade, máis accidentes. De aí que Francia rebaixase a 80 o tope nas estradas secundarias".

Mario Arnaldo cre, en cambio, que o problema non é tanto o exceso de velocidade como a velocidade inaxeitada aos tramos que percorremos. "Os radares non resolven o problema. Hai que axustar os límites de velocidade a cada tramo".

Jeanne Picard defendeu a prohibición de circular a máis de 30, e incluso a 20, polo centro das cidades. "É indispensable establecer eses límites porque as cidades son para os peóns, e tamén para os ciclistas". A presidenta de Stop Accidentes alertou tamén sobre os perigos do uso do teléfono móbil para a seguridade viaria. "O móbil é, xunto co exceso de velocidade, unha das principais causas de accidentes. Fagamos exame de conciencia. Por respondermos a unha chamada, poñemos en risco a vida doutras persoas, ademais da propia".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí