CRTVG

Buscar

Os almorzos

Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais

31/07/2017 - 09:27 h
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, confía en que os orzamentos expansivos que promete o presidente da Xunta cheguen á cultura e agarda un incremento na partida destinada ao departamento que dirixe. Sutil quere así seguir traballando para aumentar a presenza das empresas culturais galegas e fomentar a industria que se crea ao redor do sector.

O director da Agadic identifica as necesidades que ten actualmente o seu departamento para conectar cos axentes culturais. Ademais do desexo dun maior orzamento para financiar os programas máis ambiciosos e desenvolver outros novos, asegura Sutil que precisan máis persoal para axilizar os trámites da axencia. Para Jacobo Sutil o espírito crítico é necesario para seguir mellorando.

Nos Almorzos do 'Galicia por diante' tamén quixo subliñar o apoio da Xunta aos festivais escénicos e musicais con subvencións de case 400.000 euros. Ademais, cre que o máis importante destes eventos é a capacidade de coordinación entre os organizadores de cada un deles para que o público poida gozar cada fin de semana do verán de festivais de distinto xénero e diferente localización na xeografía galega.

Con todo, Sutil explicou que moitos dos festivais galegos non son dependentes dos cartos públicos. Puxo como exemplo o Resurrection Fest. Segundo o director da Agadic, só un 10% do seu financiamento pertence a subvencións e destacou a importancia de conseguir patrocinios privados.
Iso si, recoñece que a produción de obras teatrais precisa diñeiro púbico, pero asegurou que "a cultura non só xera unha rendibilidade económica, tamén xera unha rendibilidade social". No caso do teatro afirmou que son espectáculos que fan unha sociedade máis culta, ademais de que é un sector, segundo Sutil, que move a economía e contribúe á creación de emprego. Jacobo Sutil propón construír un sistema onde os eventos sexan máis autosustentables, sen que desapareza o apoio público.

O director da Agadic tamén aposta por unha cultura accesible, pero non de balde. Asegura que "todo o mundo ten que ter facilidades de consumir cultura", pero destaca a importancia de recoñecer o valor dos espectáculos.

Co obxectivo de facer máis accesible a cultura, Sutil aposta por unha redución do IVE cultural nas salas de cine, actualmente do 21%, malia que subliña que o sector editorial ten un tributo menor, do 4%, e que xa se fixo unha rebaixa no prezos das entradas aos espectáculos en directo. O responsable da Axencia Galega de Industrias Culturais pon o foco na importancia da cooperación entre as administracións e avoga por máis coordinación entre a Agadic e os medios públicos. Jacobo Sutil cre que a TVG é o motor do audiovisual galego porque "os esforzos sumados fan proxectos máis fortes".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí