CRTVG

Buscar

Os almorzos

López-Chaves: "A auga de Vigo é de moi mala calidade e o Concello non foi transparente"

15/12/2017 - 08:21 h
López-Chaves:

O delegado da Xunta en Vigo manifestou nos 'Almorzos do Galicia por diante' que a auga da billa na cidade "é de moi mala calidade, non cumpre cos parámetros que esixe Sanidade e está no límite de potabilidade". Ignacio López-Chaves dixo que "a auga sae turbia, non ten a cor que debe ter desde hai dous meses e o Concello de Vigo non está a actuar".

"O problema é a falta de transparencia do Concello, que non está informando á poboación, malia que as análises de Augas de Galicia e de Aqualia din que a auga é de mala calidade". O delegado da Xunta manifestou que "é un tema moi técnico e nós estamos informando diariamente á poboación. É un problema moi grave e, se o Concello de Vigo sabe que se superan os límites de potabilidade, non debería xogar coa saúde da xente".

López-Chaves engadiu que, "cando os datos sobre a auga non lle gustan ao alcalde socialista, Abel Caballero insulta a Feijóo e ataca a profesionalidade dos funcionarios e técnicos de Augas de Galicia que fan o seu traballo". "Haberá que ver como vai evolucionando, pero a mala calidade da auga non só se debe á seca, senón tamén ao mal funcionamento da potabilizadora de Vigo, que é de competencia municipal, e o Concello non fixo investimentos para mellorar esta infraestrutura". Para o delegado da Xunta, Abel Caballero é un alcalde populista que busca sempre o enfrontamento co Goberno galego.

Ignacio López-Chaves destacou os investimentos da Xunta na cidade de Vigo, entre eles o Hospital Álvaro Cunqueiro e a Cidade da Xustiza, un proxecto "en que se investirán máis de 30 millóns de euros para que funcionarios da xustiza e usuarios teñan á súa disposición un edificio digno e moderno". Tamén se referiu o delegado ás obras do corredor do Morrazo, das que asegurou que "esperemos que rematen nos prazos previstos. Os dous primeiros treitos estarán en marcha na primavera do ano vindeiro e o terceiro tardará un pouco máis"

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí