CRTVG

Buscar

Os almorzos

Gonzalo Caballero, aspirante á secretaría xeral do PSdeG-PSOE

05/09/2017 - 08:21 h
Gonzalo Caballero, aspirante á secretaría xeral do PSdeG-PSOE

Gonzalo Caballero asegura que o PSdeG "ten que mudar e buscar novos referentes". O precandidato ás primarias para a Secretaría Xeral dos socialistas galegos apuntou nos "Almorzos" da Radio Galega que os máis de 11.000 militantes "terán que escoller entre un proxecto de cambio ou unha prórroga dos aparatos e manobras do poder do partido".

Caballero non pecha a porta a posibles acordos con outras candidaturas, se coinciden "no proxecto de cambio e renovación que fortaleza o PSdeG", despois de que outro dos aspirantes, Fernández Leiceaga, falase da posibilidade dunha integración.

O político socialista, considerado durante anos líder do sector crítico en Vigo, agarda na campaña "unha neutralidade exquisita e xogo limpo" no que os tres aspirantes deben confrontar ideas e propostas diferentes. Gonzalo Caballero di ter "unha mochila chea" e estar "comprometido coa loita e por un proxecto de progreso". Lembrou ademais que a súa é, segundo dixo, "unha candiatura sen tutelas que xorde de abaixo a arriba".

Ante o proceso soberanista de Cataluña, Gonzalo Caballero opina que "a soberanía do Estado está en toda a cidadanía do país" e, segundo dixo, hai que buscar fórmulas de gobernanza que satisfagan a todos. Caballero é partidario dun "federalismo asimétrico" no que Galicia -dixo- ten o valor diferencial xunto a Cataluña e Euskadi. De todos os xeitos, o precandidato ás primarias do PSdeG deixou claro que a súa prioridade é resolver os problemas dos cidadáns, como o paro e o recorte dos servizos públicos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí