CRTVG

Buscar

Os almorzos

Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria

03/10/2017 - 08:24 h
Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria

O conselleiro de Emprego, Economía e Industria, Francisco Conde, avanzou na Radio Galega que traballa coa previsión de que o Parlamento de Galicia aprobe xa este mes a lei de implantación empresarial, que facilita os trámites para que as empresas se instalen en Galicia.

"Todas as consellerías identificaron onde podiamos reducir prazos, onde podiamos reducir tramitacións e, polo tanto, onde podiamos trasladarlles aos empresarios que realmente conseguiamos unha maior simplificación dos trámites".

"A lei non reduce garantías. Mantéñense todas as garantías desde o punto de vista ambiental, desde o punto de vista urbanístico e desde o punto de vista do patrimonio. Pero si hai unha redución de prazos, si hai unha redución de trámites administrativos, si hai unha xanela única para que, cando haxa que presentar un proxecto, realmente non haxa que ir aos diferentes departamentos da Xunta".

"A lei o que significa é máis simplificación, máis facilidades e tamén máis incentivos desde o punto de vista fiscal".

O conselleiro tamén indicou que Galicia está medrando máis que a media española, sobre todo as exportacións. E defendeu que o obxectivo principal da Xunta é que a riqueza se traslade ás familias, de forma que haxa emprego de calidade, baseado na formación e nas novas tecnoloxías.

"A economía está crecendo. Galicia está crecendo por riba da media española. As exportacións seguen comportándose positivamente, crecendo máis dun 9%, por riba tamén da media. Polo tanto, creo que son indicadores claros de que esa recuperación está sendo unha realidade, pero o traballo no mercado laboral ten que seguir orientado a seguir creando emprego e tamén a que ese emprego sexa un emprego de calidade que poida permitir incrementar as rendas dos traballadores".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí