CRTVG

Buscar

Os almorzos

Fernando Suances, fiscal superior de Galicia

04/02/2016 - 09:27 h
Fernando Suances, fiscal superior de Galicia

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suances, considera positiva a sentenza do Prestige e asegura que permitirá, despois dun traballo de coordinación das administracións, "executar os 1.000 millóns de dólares que están pendentes dunha compañía inglesa".

Nos Almorzos do "Galicia por diante", Suanzes salientou que a sentenza constata a existencia de delito ambiental, que fixa unha pena por este delito e abre unha vía para cobrar a indemnización, xa que en materia de responsabilidade civil, "di que en determinados casos a xurisdición ten unha preferencia para determinadas limitacións que nalgúns convenios se establecen".

Case un ano despois do seu nomeamento como fiscal superior de Galicia, Fernando Suances asegura que é necesaria unha maior concienciación social sobre a corrupción, un problema "que afecta a estrutura básica do Estado". Para o fiscal,

a xente recorda e está preocupada pola corrupción política, pero hai que ter en conta que hai tamén unha corrupción económica e social

Neste sentido, Suances criticou o amparo social que aínda teñen os deportistas de alto nivel condenados por delitos fiscais. Con todo, o fiscal superior lembrou que

desde hai tempo a Fiscalía de Galicia solicitou á Fiscalía Xeral do Estado a creación dunha unidade especializada en Galicia da Fiscalía Anticorrupción, que, talvez, axudaría a tramitar os asuntos desta índole dunha forma mellor e máis eficiente

Suances sinalou que nos últimos anos aumentaron en Galicia os casos de corrupción incoados e cualificados, pero "hai unha parte positiva: cada vez hai unha maior conciencia" de que se perseguen con contundencia este tipo de delitos.

En relación coas macrocausas e a demora nas resolucións de xuízos en que figuran como investigados políticos e funcionarios, Suances apelou á aplicación do principio de presunción de inocencia. Asegurou tamén que un dos xulgados que tramita este tipo de causas, o que preside en Lugo a xuíza Pilar de Lara, "está actuando ultimamente de forma eficiente"

O fiscal superior de Galicia cre que a xustiza en España precisa dun pacto de Estado,

Un proxecto a curto, medio e longo prazo que aclare que é o que podemos e debemos facer. Temos unha materia pendente desde hai moito tempo. Temos que aumentar os fondos destinados á xustiza ata un 2% do PIB, como no contexto europeo, e sobre todo, temos que perfilar o que queremos facer: queremos que a instrución a teña o ministerio fiscal ou non?, queremos que a acción penal sexa soamente pública ou que se reparta entre diversos actores?, como imos facer o procedemento penal?


Fernando Suances tamén confirmou que a Fiscalía agarda polo labor do xulgado de instrución que leva o caso das monxas mercedarias supostamente retidas no convento contra a súa vontade para decidir se actúa de oficio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí