CRTVG

Buscar

Os almorzos

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Vivenda

07/09/2017 - 08:21 h
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Vivenda

A conselleira de Infraestruturas analizou nos Almorzos do 'Galicia por diante'o primeiro mes de funcionamento do novo plan de transporte da Xunta e explicou como vai ser a aplicación do transporte escolar de uso compartido, que se porá en marcha o luns coincidindo co inicio de curso. Ethel Vázquez fixo un balance positivo porque "Galicia estaba en serio risco de quedar sen servizo público de transporte dende o 8 de agosto, e iso non pasou; non houbo un só día sen autobuses". Destacou o acordo ao que chegou a Xunta cos sindicatos e a patronal do transporte, un acordo "de referencia estatal, con cláusulas de subrogación que non son papel mollado". Recoñeceu que está habendo incidencias nalgunhas das máis de cincocentas liñas que foron adxudicadas, pero "estamos tratando de resolvelas coa máxima celeridade". Sobre as críticas expresadas onte polos alcaldes do BNG e a súa petición de retirada do plan de transporte, Ethel Vázquez respondeu preguntándolles "se prefiren que os seus veciños queden sen servizo de autobús".
   Un dos piares do plan de transporte serán os autobuses escolares de uso compartido, que entrarán o luns en funcionamento e que afectarán a un 10 por cento das liñas. A conselleira sinalou que aumentará o número de acompañantes e que as paradas e os horarios das liñas afectadas non van cambiar respecto ao curso pasado. Explicou que esta semana instaron ás empresas a que fixesen probas nas rutas que estrearán este servizo escolar compartido para que se familiarizasen e estean preparadas para o luns, e que onte responsables da consellería se reuniron coas Asociacións de Nais e Pais de Alumnos para trasladarlles cales serán as funcións dos acompañantes dos buses. Segundo apuntou Ethel Vázquez, "os acompañantes van estar nos autobuses dende o primeiro momento, xa na primeira parada""colocarán os nenos de xeito preferente na parte dianteira do autobús, pero, se un escolar viaxa co pai ou coa nai, poderán sentar xuntos". A conselleira de Infraestruturas lembra que esta modalidade de transporte funciona con éxito noutras comunidades e que xa en Galicia "se ensaiou co programa Tes Máis Bus, que puxo en marcha o Goberno bipartito".
   Aínda sobre o transporte de viaxeiros, Ethel Vázquez afirmou que en outubro entrará en funcionamento o plan de accesibilidade á cidade da Coruña, malia "as sorpresas que van xurdindo por parte do Concello". Dixo agardar que "o alcalde sexa sensible a un plan que pretende facilitar a mobilidade dos veciños e evitar máis coches privados no centro da cidade" e que "non haxa máis sorpresas no cronograma previsto".

   Sobre a AP-9 Ethel Vázquez sinalou que este verán houbo menos incidencias relacionadas cos atascos nas peaxes e que as que houbo se deberon principalmente ás obras que se están realizando en treitos como o de Santiago ou a ponte de Rande. Insistiu na demanda, que conta co apoio unánime do Parlamento galego, para reclamar que o Goberno central lle traspase a Galicia a titularidade da Autoestrada do Atlántico porque -xustificou- "para a Xunta só hai unha AP-9, pero para o Estado hai 29". Neste sentido subliñou que a Xunta conseguiu que o Estado asuma o pagamento das peaxes da Barcala e do Morrazo, que lles supoñían ás arcas públicas galegas 6 millóns de euros anuais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí