CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Estou convencido de que Paula Quinteiro seguirá o exemplo de Juan Merlo e asumirá responsabilidades"

16/04/2018 - 08:27 h

O voceiro parlamentario de En Marea cre que Juan Merlo, o deputado que renunciou á acta o venres, despois de saberse que figuraba no seu currículo unha titulación que non ten, "deu exemplo de ética na política".

Tiña un dato que non era certo no currículo e iso pasa moi a miúdo; por exemplo, a alcaldesa de Mos ou unha deputada do PP en Ourense que falseou o seu currículo, pero neses casos non pasa nada. Vese que hai dous modelos: o do PP e o de En Marea, que ten altas esixencias éticas. O de Merlo é un exemplo de coherencia cos nosos principios éticos. Deixa quedar nun lugar alto a En Marea

Luís Villares está convencido de que no caso de Paula Quinteiro, a deputada de En Marea implicada nun incidente coa Policía Local de Santiago hai semanas, "tamén se acabará impoñendo o exemplo de responsabilidade política".

Teño a convicción de que, coa forza do compañeiro Merlo e a renuncia de Xoán Hermida (a quen lle correspondería substituír a Quinteiro en caso de que dimitise), a cidadanía ten claro que ao final do proceso non imos defraudar

Sobre Quinteiro engade que "todo o mundo necesita tempo para tomar decisións sosegadas".

Non se trata de dar ultimatos, senón de que chegue a unha conclusión coherente cos nosos valores. Nós asumimos responsabilidades, outros non

Villares considera que non se chegará ao punto de ter que expulsar a Paula Quinteiro do grupo.

Trátase de ser coherente cos principios éticos de En Marea, non de darme a razón a min. As actas son dos deputados, eles deciden. Son partidario de que cadaquén faga o seu propio camiño cun tempo prudencial

En todo momento Villares contrapón o comportamento de En Marea co do PP.

Hai un mes Feijóo explicou nunha entrevista que o delegado do Goberno lle pasou no seu momento as fotos nas que está con Marcial Dorado. Nós quixemos saber quen era o delegado porque houbo un abuso de poder. É gravísimo, pero non hai explicacións

Villares non cre que a consulta ás bases que propuxo no caso de Paula Quinteiro abrise fendas en En Marea.

Eu puxen sobre a mesa unha proposta de solución. As bases son as que decidiron candidatos e dirección política de En Marea e non se pode cuestionalas

Ante o apuntamento de que a líder de Podemos en Galicia si cuestiona as bases, Villares afirma que "a compañeira Santos equivócase cuestionándoas". Malia as discrepancias internas, Villares entende que "a unidade popular compensa. Para acadar obxectivos políticos, hai que estar unidos; para recuperar os dereitos que nos roubaron, fan falta todos os brazos".

En En Marea estamos unidos no fundamental. Cultivemos o que temos en común e, fóra do horario de oficina, cadaquén que cultive o que queira. Somos xente que nos xuntamos porque temos valores en común

Sobre a súa continuidade como líder de En Marea e a posibilidade de recuncar, Villares apunta:

Para min é unha honra ofrecer unha alternativa política ao PP.Teño un compromiso coa cidadanía e, mentres teña a confianza, seguirei. Traballar polos demais é a maior honra

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí