CRTVG

Buscar

Os almorzos

“Estamos traballando para considerar a Ribeira Sacra a sétima reserva da biosfera de Galicia”

24/03/2018 - 08:21 h

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, avanza no Galicia por Diante Fin de Semana da Radio Galega que despois da Semana Santa van ter “diferentes reunións” para traballar no “documento técnico para considerar a Ribeira Sacra a sétima reserva da biosfera que existiría na comunidade autónoma”. Un traballo que tamén fan en paralelo á Consellería de Cultura e o seu expediente de ben de interese cultural para este espazo.

Na conversa, a directora xeral tamén destacou que dende hoxe sábado e durante 45 días está a exposición pública o borrador do plan reitor do Parque Nacional das Illas Atlánticas, publicado onte no Diario Oficial de Galicia. “Un período de 45 días, ademais, para que todos aqueles interesados nos fagan chegar as súas observacións”, indicou, ao tempo que explicaba as novidades como é o cupo de visitantes ás Ons e a redución en 200 campistas os autorizados nas Illas Cíes.

Con respecto á pesca, sector co que en tempos houbo certas diferenzas polas posibles restricións que podería haber no plan reitor, Ana María Díaz di que o que se trataba era de manifestarlles ás confrarías que é perfectamente compatible unha pesca sostible, unha pesca que aproveite os recursos pero que non os esquilme, coa preservación dos valores naturais.

Polo tanto, neste borrador, como se poderá comprobar,  o que vai recollido é esa posibilidade. Que se siga pescando e mariscando dende un punto de vista tradicional, como se viña efectivamente facendo dende ese punto de vista de pesca responsable e sostible

Non vai chamar nada a atención porque é un texto moi consensuado coas confrarías e coa propia Consellería do Mar

No que atinxe ao novo sistema para poder viaxar ás Illas Cíes que se inaugurou onte venres, Ana María Díaz destacou que “todo discorreu ben, con moitísima normalidade”. Así mesmo indicou que está traballando coas navieiras para facer un “sistema integrado” de cara ao verán. Para conseguir que a expedición da autorización se faga ao mesmo tempo que a compra do billete.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí