CRTVG

Buscar

Os almorzos

“Estamos prevendo a posibilidade de presentarnos en arredor de 70-80 concellos”

26/05/2018 - 08:19 h
“Estamos prevendo a posibilidade de presentarnos en arredor de 70-80 concellos”

O secretario de Organización de Ciudadanos Galicia, Laureano Bermejo, avanza no Galicia por Diante Fin de Semana da Radio Galega que a súa formación prevé presentar candidaturas nas próximas municipais nuns 80 concellos a maiores de nas sete grandes cidades. "Haberá candidatos, en principio, nas sete cidades máis importantes de Galicia, pero non só nos imos limitar a esas cidades, que era un pouco o que se nos acusaba anteriormente”, explicou, “senón que o partido está facendo un labor de implantación moi importante en toda a comunidade autónoma e entón estamos prevendo a posibilidade de presentarnos en torno a 70-80 concellos”. 

Bermejo aclarou que o proceso de primarias será “entre finais e principios do ano que vén” e dixo non ter présa porque “non coñezo candidatos doutros partidos a nivel autonómico”. Así mesmo incidiu que en Ciudadanos "o candidato se escolle nun proceso de primarias e serán os propios afiliados quen decidan en que posto vai cada persoa”. 

Cuestionada pola posible fichaxe de Javier Guerra, ex-conselleiro do Goberno Núñez Feijóo, insistiu na existencia de conversas pero non se pronunciou sobre se Guerra accedera ou non finalmente a dar o paso. En canto ao ritmo de afiliacións ao partido laranxa, Bermejo cifrou nunha media de "60-70 afiliados case mensuais" e calcula que nestes momentos "entre afiliados e simpatizantes" haberá "sobre uns 6.000 inscritos”. 

Da política estatal, Bermejo declinou pronunciarse sobre se na súa opinión Ciudadanos debe ou non apoiar a moción de censura do PSOE a Mariano Rajoy, remitiuse á decisión que tome a executiva nacional pero si agoirou que o Partido Popular tanto pola sentenza Gürtel como por outros casos "sairá moi mal parado” e que "a situación está nun momento moi delicado”. 

Respecto ao discurso de Albert Rivera na presentación da plataforma España Ciudadana, Bermejo asegura que esas ideas en Galicia "son tan ben acollidas coma noutras comunidades autónomas” xa que na súa opinión, "non debemos pensar que Galicia é unha comunidade autónoma totalmente distinta” a outras como País Vasco ou Cataluña. Segundo Bermejo, "todos pertencemos a unha nación común que é España, podemos ter a nosa ideoloxía moi propia de ser galegos pero iso non quita que deixemos de ser españois”.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí