CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Enfrontámonos a unha actividade incendiaria e contra iso só cabe unha loita continuada e illar esas persoas"

18/06/2018 - 08:23 h

Tomás Fernández-Couto leva dúas décadas na xestión forestal da Xunta. Ás portas do verán, o seu departamento afronta unha problemática que se repite cada ano, a dos incendios forestais. Fernández-Couto explicou nos 'Almorzos' da Radio Galega que "cada ano estamos mellor preparados".

Contamos cun operativo potente que se vai mellorando dende hai anos. Ademais, as actuacións de prevención recaen nas administracións, pero tamén nos propietarios; todos teñen capacidade de actuación

O responsable de Ordenación Forestal da Xunta asegura que "loitamos contra unha actividade incendiaria que é nefasta para o medio natural e moi perigosa para a sociedade, ademais de destrutiva para o territorio. Ante iso só cabe unha loita continuada e illar esas persoas".

Como veña atmosfericamente o verán favorecerá ou non a actividade dos incendios intencionados. Dou por suposto que os períodos extremos do verán coincidirán con alta actividade incendiaria e para iso o operativo está preparado

Fernández-Couto rexeita totalmente que os incendios obedezan a neglixencias.

No verán non hai neglixencias, simplemente está prohibido usar o lume e non entendo que se poida falar de neglixencias; unicamente poderían considerarse así os traballos de mantemento en zonas de moita vexetación, que salte unha faísca e prenda... pero fóra diso non hai neglixencia posible

Fernández-Couto non entende que os concellos se queixen de non poder cumprir a normativa que obriga a ter limpas as chamadas faixas de seguridade arredor dos núcleos urbanos e das edificacións illadas. Apunta que "parece que é unha normativa nova este ano, e leva sendo de obrigado cumprimento dende 2007".

Agora a Administración está facendo un chamamento ao cumprimento e todos deben colaborar; claro que fará máis a Administración que máis recursos ten, pero todos son necesarios e de obrigado cumprimento dende 2007

É unha cuestión de seguridade. O territorio necesita ter unha estrutura que favoreza os labores de extinción, que dificulte o avance descontrolado do lume e achegue seguridade á poboación. Estamos falando das vidas das persoas

Por último, o director xeral de Ordenación Forestal indica que "o novo plan forestal entrará axiña nunha fase de exposición pública en que aínda estará aberto a achegas e modificacións". Engade que "é un documento importante porque marca un camiño de actuación no monte e uns obxectivos. O bo é que vai ser un documento con moita participación".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí