CRTVG

Buscar

Os almorzos

"A economía galega medrou nos últimos oito trimestres, pero non se crea emprego"

14/12/2017 - 08:23 h

Asegurouno nos "Almorzos" da Radio Galega o ex-presidente da Xunta e coordinador do Foro Económico de Galicia, Fernando González Laxe. Tamén apuntou que o sector industrial perdeu peso e que é necesario "mellorar a produtividade porque temos unha dependencia tecnolóxica excesiva do exterior". González Laxe aposta pola reactivación de sectores básicos como a madeira e a tecnoloxía dos alimentos e a recuperación do naval, o téxtil e a automoción.

Suba de salarios
Ademais, o ex-mandatario galego sinalou que é o momento de subir os salarios, xa que os beneficios dos empresarios medraron nos últimos anos. Laxe dixo que hai maior demanda, produción e distribución. "Hai que subir os soldos -dixo- porque está controlada a inflación e os tipos de xuro".

Así e todo, cre que a demografia non axuda, xa que "non hai nacementos nin recibimos inmigrantes". Neste sentido apuntou que as empresas deben ter "máis flexibilidade" e "facilitar a conciliación para que ningún dos membros da parella teña que deixar de traballar para ter un fillo".

Financiamento autonómico
O coordinador do Foro Económico de Galicia recordou que o sistema de financiamento autonómico "nunca deu resultados positivos, pero non se pode utilizar como ferramenta de negociación" para solucionar problemas territoriais.

Fernando González Laxe considera necesario "abordar de xeito serio o sistema", pero deixou claro que o cupo vasco ou navarro non sería unha solución para Galicia. "En Galicia -dixo- perderiamos moito, porque temos máis xente pasiva e temos un atraso económico acumulado. As nosas achegas serían insuficientes".

En contra das primarias
O ex-presidente socialista, que permanece apartado do ámbito político, malia non ser partidario das primarias no PSdeG, cre que representan "un debate vivo no partido e solucionan a transparencia". González Laxe opina que "non garanten a elección do mellor candidato", pero deixou claro que Gonzalo Caballero é o seu secretario xeral.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí