CRTVG

Buscar

Os almorzos

Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo e presidenta provincial do PP de Lugo

28/09/2017 - 08:19 h
Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo e presidenta provincial do PP de Lugo

A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, desconfía da solución técnica proposta polo Ministerio de Fomento para disipar a néboa na autovía A-8. Nos Almorzos do 'Galicia por diante', Candia agradeceu o compromiso do Goberno coa resolución deste problema, pero dubida do seu resultado: "Hai un proxecto moi innovador sustentado cun importante desembolso económico, pero teño dúbida do seu resultado" -asegurou-. "Eliminar a neboa é case como un milagre; oxalá que non sexa así, oxalá que se resolva a situación. Sei que están poñendo todos os medios, pero son consciente das dificultades". Candia cre que unha posible solución pasaría por construír un túnel sobre a ponte, aínda que descoñece se sería tecnicamente viable.

A alcaldesa de Mondoñedo e presidenta do PP lucense agradece o compromiso de Fomento coa súa provincia. Pon o acento na licitación do último tramo previsto da autovía que conectará Lugo con Santiago, que permitirá corrixir "unha débeda con Lugo", e destaca que esta vez a cidade das Murallas "non quedará fóra da axenda do AVE".

Candia apoia a reforma da Lei de Saúde defendida pola Xunta, porque, ao seu xuízo "é unha forma de optimizar recursos económicos evitando desprazamentos innecesarios" e nega que supoña un desmantelamento da sanidade pública.

Coa vista posta nas municipais
Elena Candia asegura que está ilusionada desde que se fixo coa presidencia do PP de Lugo e confesa que o seu obxectivo agora céntrase nas eleccións municipais de 2019. Non aclara se recuncará como candidata á alcaldía de Mondoñedo porque "neste momento non toca", pero si anima o presidente da agrupación local do PP en Lugo, Ramón Carballo, a dar o paso, porque, ao seu xuízo, "sería un bo candidato para Lugo porque ten grande apoio da militancia e da cidadanía".

Candia asegura que a remuda de Jaime Castiñeiras por Carballo se fixo sen sobresaltos e nega friccións con Xosé Ramón Balseiro ou con Raquel Arias. Segundo apunta, "democracia interna non é sinónimo de rivalidade" e existe "un bo entendemento entre o partido".

A presidenta do PP de Lugo cre que é bo buscar caras novas para o partido porque significa "inxectar zume novo e ilusionar", pero matiza que tampouco se debe "renovar por renovar". Cre que a clave do éxito está en buscar "un equilibrio perfecto entre a experiencia e madurez da xente maior e a renovación da xente nova"

Elena Candia aproveitou para matizar que, se hai uns días pediu á Virxe dos Remedios que intercedese ante o incerto escenario que se abre en Cataluña, foi porque "era inevitable que esta situación tivese o seu espazo nesa ofrenda" e aventura que, de seguro, o problema catalán "non se arrranxará ese día. Igual o 1 de outubro non faga máis que comezar".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí