CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Estanse facendo moitos esforzos para paliar o problema demográfico, pero non se verán resultados inmediatos"

16/05/2018 - 08:27 h

A ourensá Edelmira Barreira explica que "o problema demográfico vén de vello".

Hai décadas que se arrastra, e non só afecta Galicia, senón o conxunto da Unión Europea. Por iso estamos traballando en que a Unión Europea o conciba como un problema de todos para o que se necesita tomar medidas

Barreira apunta que o Goberno está traballando nesta cuestión e que, por exemplo, o proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado, que previsiblemente se aprobará nos días próximos, "inclúe reformas fiscais que apoian a natalidade".

Por exemplo, prevense rebaixas fiscais máis altas para as familias numerosas e tamén medidas para a conciliación, como o novo cheque fiscal para axudar ao pagamento das escolas infantís e que poden ser ata mil euros ao ano

Barreira ten claro que "é importante que haxa unha estratexia coordinada a nivel da Unión Europea, pero tamén a nivel estatal. Todas as administracións deben mandar unha mensaxe de apoio ás familias".

No caso de Galicia, Barreira di que "ten feito moito; por exemplo, as axudas ao pagamento das escolas infantís, os impostos cero no rural... Todo iso xa se facía en Galicia e así é máis fácil traballar".

Pero non podemos agardar que todas estas medidas teñan resultados inmediatos. Os expertos din que haberá que agardar décadas. Agora trátase de xerar confianza para que as familias que queiran teñan fillos, para que aposten polo rural

Precisamente "fixar e atraer poboación para o rural" é outro dos obxectivos do comisionado do Goberno para o Reto Demográfico. Di Barreira que "hai unha tendencia mundial de ir cara ás cidades, pero tentamos dar incentivos para que se poidan desenvolver actividades profesionais en municipios pequenos".

Queremos desenvolver un programa específico de simplificación de trámites administrativos no mundo rural. Ademais, prevemos estender a banda ancha ao cen por cento do territorio; xa hai un programa en marcha, con trescentos megas

Outra medida que xa se inclúe nos Orzamentos Xerais do Estado é "incentivos, unha cotización reducida para os autónomos que se dean de alta nun municipio pequeno". A idea é, segundo Edelmira Barreira, "transmitir unha imaxe positiva do rural; será un dos aspectos a traballar. Cómpre poñer en valor a imaxe do mundo rural porque é bo para os que viven alí e para todos; por exemplo, ten efectos positivos no turismo".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí