CRTVG

Buscar

Os almorzos

“É difícil eludir unha responsabilidade política como esta se se chega a determinar”

05/05/2018 - 08:21 h

O presidente da comisión de investigación no Congreso sobre o accidente ferroviario de Angrois, o deputado do PDeCat Feliu Guillaumes, asegura nunha entrevista no Galicia por Diante Fin de Semana da Radio Galega que lle resultaría “sorprendente” que os ex-ministros de Fomento, Xosé Blanco e Ana Pastor, non fosen convocados para comparecer perante esta comisión. Aínda que lembrou que está aberto o prazo para presentar as peticións de comparecentes, Guillaumes desvelou que informalmente algúns grupos xa lle trasladaron as súas propostas. “A min dixéronme verbalmente varios grupos a quen ían convocar pero non é oficial, mentres estea o prazo aberto” ao tempo que engadiu que “de todos os xeitos son nomes fáciles de adiviñar”.

Preguntado directamente por Blanco e Pastor, Guillaumes dixo que “formalmente é unha suposición pero para min sería sorprendente que non fose así pero formalmente isto non foi..o prazo está aberto e por tanto permítame que lle fale con prudencia”. Feliu Guillaumes asegurou que se “esta comisión chega a conclusións e sae ben” será do “que me sentirei máis orgulloso e o máis importante que terei feito como deputado”. O deputado do PDeCat  di ser consciente do escepticismo da xente ante este tipo de comisións e di agardar dela poder chegar a conclusións.

Por unha parte facer recomendacións cara ao futuro para que non volva ocorrer nunca máis algo deste tipo; un segundo nivel que é aclarar efectivamente que pasou e unha terceira vía sería o colmo -diríamos- do éxito pero que é algo que debemos aspirar que é determinar responsabilidades políticas que non teñen nada que ver coas xurídicas

Respecto a asunción ou non de responsabilidades políticas, Guillaumes recoñece que “as xentes as toman pouco en serio” pero insiste en que se se derivan responsabilidades políticas “é difícil irse de rosiñas”.

É difícil eludir unha responsabilidade política como esta se se chega a determinar, repito,  eu non dou por prexulgado o que teña que facer a comisión

Respecto ao prazo que se marca para ter rematado o traballo da comisión, Feliu Guillaumes  asegura que se “tiña fixado un prazo de 5 meses” pero que “todo o mundo me dixo que estaba tolo”. Coas cousas así, o presidente da comisión avanzou que a semana que vén se reunirá “coas xuristas da comisión, coas letradas, e intetaremos facer un planning”

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí