CRTVG

Buscar

Os almorzos

Diego Calvo, presidente do PP na Coruña

20/09/2017 - 08:20 h
Diego Calvo, presidente do PP na Coruña

O presidente do PPdeG na Coruña, Diego Calvo, dixo nunha entrevista nos Almorzos do 'Galicia por diante' que o partido está inmerso en elixir os mellores equipos e candidatos de cara ás eleccións municipais de 2019.

Co foco posto en recuperar a Deputación da Coruña e as cidades en mans das mareas, Diego Calvo insta a facer unha oposición "clara e rotunda" contra os que "só gobernan para os seus" e tentan "rebentar todo o que había". Asegura que, se o PP tivese capacidade, presentaría mocións de censura na Coruña, Ferrol e Santiago.

Diego Calvo asegura que o PPdeG é, a día de hoxe, o único partido en Galicia centrado nas municipais, mentres o PSdeG está "en congreso continuo" -dixo- e En Marea en "discusión permanente". E co seu nome na terna de sucesores de Alberto Núñez Feijóo, aseguraba que nunca pensou en ser candidato á presidencia da Xunta.

Diego Calvo, que é tamén vicepresidente do Parlamento, falou ademais do próximo debate sobre o estado da autonomía, fixado para o 4, 5 e 6 de outubro. Tras as críticas da oposición, Calvo dixo que a data é o de menos, que outubro é un mes complexo para cadrar datas e que o importante é o que se debata. 

Calvo recalcou que as grandes cifras económicas seguen sendo positivas para Galicia, pero que cómpre trasladar esa recuperación a todos os fogares. Neste sentido, asegurou que queda traballo por facer para seguir diminuíndo as cifras do paro ou para, por exemplo, afrontar o importante reto da natalidade. 

Sobre o Parlamento, valoraba que se teña reducido o nivel de tensión da lexislatura pasada e confía en que, malia os problemas que teñen algúns partidos da oposición que "están pendentes de ter unha dirección ou estratexia", o clima de "entendemento de mínimos" que impera na cámara se manteña ata o final da lexislatura.

Outro dos asuntos que abordou Diego Calvo nos Almorzos foi a situación de Cataluña. Asegurou que o Goberno central está actuando ben, de maneira proporcionada e evitando caer na provocación continua dos partidos independentistas cataláns.

 En relación con este tema, cre que Luís Villares cometeu un dos "erros máis importantes da súa vida política", ao posicionarse a favor do referendo, cando é xuíz.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí