CRTVG

Buscar

Os almorzos

Cristina Pato, gaiteira e medalla Castelao 2017

21/07/2017 - 09:28 h
Cristina Pato, gaiteira e medalla Castelao 2017

A gaiteira Cristina Pato expresa na Radio Galega a súa emoción por ser unha das galardoadas este ano coa Medalla Castelao. Pato asegura que é un recoñecemento moi importante polo que significa o autor de Rianxo para cultura pero tamén para ela a nivel persoal.

O pasado 28 de xuño recollía a medalla en Compostela cun emotivo discurso na defensa da lingua e da cultura do país. A gaiteira explica que quería pronunciar unhas palabras que fosen emocionantes para todos os galegos: "Recordo o discurso con moito cariño, quería que chegase ao corazón de todos e aproveitar a ocasión para transmitir cousas que non son doadas de dicir".

Dende ese día a medalla está custiodioda pola súa nai e a súa irmá na casa familiar.
Este recoñecemento inaugura unha nova etapa na vida da artista. Pato cre que a faceta que máis chamaba a atención da súa vida laboral era a de gaiteira pero a partir de agora quere que a educación ocupe un 80% do seu tempo, un eido no que leva máis de dez anos traballando: "O ensino para min é unha vocación, aliméntame a alma e podo crear algo que é moito máis grande ca min mesma. Hoxe en día o que me emociona é o mundo de pedagoxía, é a mellor responsabilidade que puiden adquirir na miña vida".

Con todo, a ourensá considera que subir a un escenario e a vida académica son facetas complementarias. Os proxectos educativos en que participa Cristina Pato nos Estados Unidos van destinados a persoas con poucas posibilidades económicas. Uns proxectos que gaiteira ve difícil sacar adiante na nosa comunidade: "Moitos dos proxectos que empregan as artes e están dedicados á parte invisible da sociedadade moitas veces non son apoiados polas grandes empresas e por iso non saen adiante en Galicia".

Iso si, a galega valora moito a contribución de iniciativas particulares con fins sociais relacionadas coa música, a pintura ou o baile: "Cando as artes non son sostidas polas autoridades, a sociedade ten que sacar adiante as artes".

Cre que en Galicia se están a facer cousas incribles, pero cre que a gran diferenza cos Estados Unidos é a filantropía, unha cultura que, pensa, non está tan estendida no noso país.

Ademais, Pato crítica que o sistema educativo español estea marxinando os alumnos interesados en humanidades e na rama artística, di que o feito de que cada vez haxa menos mozos sen acceso ás artes e á filosofía "é moi preocupante". A gaiteira, nada en 1980, pensa que cando ela era moza era máis doado soñar: "Eu medrei nunha xeración onde pensabamos que todo o que se nos pasaba pola cabeza era posible".

Pero Cristina Pato tamén é crítica coa situación política e social nos Estados Unidos despois de que Donald Trump chegara á presidencia do país e lembra: "Non podemos esquecer que Trump non é un caso illado, hai moitos Trumps en todo o mundo. Hai que estar alerta porque ao final somos nós os que os escollemos. Aí radica a importancia da educación, en entender a responsabilidade que supón votar".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí