CRTVG

Buscar

Os almorzos

“Creo que se van producir avances na reunión de Bruxelas sobre inmigración"

23/06/2018 - 08:20 h

O presidente da Femp e alcalde de Vigo, Abel Caballero, dise “realista” ante o cumio informal de en Bruxelas sobre inmigración. Nunha entrevista no Galicia por Diante Fin de Semana, Caballero aposta pola necesidade de “ter unha política europea” e “trasladarlle a Europa que este femómeno, que isto que está a suceder, ten que ser atendido dende a política europea, Europa non pode mirar para outro lado”. Na opinión do rexedor vigués, “non debe ser cada un dos países, non debe ser cada unha das nacións”.

O xesto de Pedro Sánchez foi un toque de atención extraordinario nas conciencias, extraordinario nas conciencias de Europa e creo que debe xurdir efecto

Son realista e sei que hai algúns países que non van aceptar con facilidade un cambio. Porque non pedimos un xiro, pedimos un cambio, máis receptividade, máis capacidade de Europa, demostrar o que somos e por tanto si creo que se van producir avances nesa reunión

Respecto á resposta dos concellos españois e a lista dos que se ofreceron a acoller ás persoas que viñan no Aquarius, Caballero lembrou que a día de hoxe debe haber uns 350 concellos e que iso “significa que houbo unha enorme mostra de solidariedade”. Ao mesmo tempo, deslizou que “algúns de Galicia significativos non entraron, o cal non me deixa de sorprender”. Entre eses concellos grandes de Galicia faltaban A Coruña, Ferrol e Ourense. Foi no da Coruña onde o rexedor olívico máis se parou ao aseverar que “Coruña, que fai un certo alarde de solidariedade, de acollemento, pois non está na rede de acollemente á xente que viña no  Aquarius pero está Madrid e Barcelona”.

Ás veces hai algunhas sorpresas pero non critico, non é o meu papel criticar, só constatar que cando se fala de solidariedade hai que demostralo

Respecto a Ourense, o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias explicou que dende a cidade das Burgas dixeran que xa se apuntaran noutro listado dunha rede efectiva que ten a FEMP, polo que -indicou- “debo entender das verbas do alcalde de Ourense que el considera que forma parte da Rede Aquarius, pois o incluímos”. O presidente da FEMP amosouse duro co goberno de Italia ante a situación doutro barco similar ao Aquarius para dicir que “temos que facer unha reprobación severa de actitudes como a do Goberno italiano que está practicamente instalado no fascismo”.

O presidente da FEMP está pendente de ter data para a reunión co presidente do Goberno. Segundo recoñeceu, “aínda non temos data”. Non obstante destaca a importancia do trato que, ao seu entender, o novo presidente do Goberno pretende darlles aos concellos. Para o socialista Caballero, coa chegada de Sánchez á Moncloa “toda España está contenta” e di apreciar un “cambio significativo como o do ano 1982”.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí