CRTVG

Buscar

Os almorzos

"É posible que a moción de censura non lle dea beneficio electoral ao PSOE, pero actuamos por responsabilidade de estado"

29/05/2018 - 08:25 h

A socialista Concepción Burgo aplaude a iniciativa do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, de presentar unha moción de censura contra o Goberno de Mariano Rajoy. 

O PSOE fixo o que tiña que facer. Era a súa obriga presentar unha moción contra un Goberno corrupto, agora xa condenado

España non pode seguir gobernada por un partido que, segundo a xustiza, estaba na base dunha trama corrupta. Ademais, hai só uns días que vimos o ex-ministro Zaplana arrestado, doce dos catorce ministros de Aznar están imputados dalgunha maneira... Polo tanto, fíxose o que se tiña que facer, moción a un Goberno corrupto

Concepción Burgo comparte tamén o chamamento de Pedro Sánchez a todos os deputados do Congreso para que se sumen á moción, "todos aqueles que ven a necesidade de que non goberne o PP deben apoiar a moción", e explica a deputada que non será un problema contar cos grupos independentistas.

Pedro Sánchez deixou claro que non ía negociar cos independentistas; non se fará acordo de goberno con ninguén

Tamén recordou que hai tan só uns días os "orzamentos xerais do Estado foron aprobados co apoio do PNV e que a maioría do PP na Mesa do Parlamento necesitou no seu momento o apoio dos independentistas... e non pasou nada". A deputada socialista fai unha última reflexión sobre a moción de censura.

É posible que non haxa beneficio electoral para o PSOE, pero somos un partido de goberno, con responsabilidade de estado, e había que dar un paso. É complexo, pero dáse o paso non para beneficio do partido, senón por convencemento de todo o partido da necesidade de acabar cun Goberno corrupto

Concepción Burgo tamén cre que a sentenza do caso Gürtel debe ter consecuencias en Galicia. Refírese á petición conxunta de todos os grupos da oposición para que compareza no Parlamento o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A sentenza da Gürtel demostrou que a corrupción se estende por todo o territorio. Ademais, non se pode esquecer que un dos instigadores da trama foi Pablo Crespo, un ex-alto cargo do PP galego, e Feijóo é dirixente do PP... Por todo isto, debe comparecer e dar explicacións no Parlamento; se non quere, habería que preguntarse por que. Nós pedimos a comparecencia e, se non, miraremos outras posibilidades, como un pleno extraordinario

Xa en clave electoral, Concepción Burgo referiuse ás enquisas e apuntou que "un político non pode crelas ao cen por cento, pero tampouco pode prescindir delas".

As enquisas indican que hai unha grande inestabilidade do voto, moitos indecisos, pero hai que ter en conta que faltan por coñecer moitos candidatos aínda para as municipais. Estamos nun momento no que é difícil para os cidadáns diciren que van facer; poden cambiar o voto en función do que pase estes meses

Confirma Burgo que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, "seguirá de candidata. Ten ganas e é a mellor candidata posible". Sobre o Partido Socialista de Galicia, "somos un partido de goberno, forte, pasamos por momentos duros na organización, pero nunca perdemos a forza".

Somos unha referencia para a cidadanía, temos un proxecto claro para Galicia. Gobernamos no pasado e podemos facelo de novo

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí