CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Cómpre blindar as pensións na Constitución porque din moito da dignidade dun país"

14/03/2018 - 08:14 h

O secretario de Organización do Partido Socialista estivo esta mañá nos 'Almorzos' da Radio Galega e dixo que "co Goberno do PP periga o estado de benestar. É unha dereita cunha visión egoísta". José Luis Ábalos cre que as pensións son un bo exemplo diso.

Deberían estar blindadas na Constitución porque as pensións son un dereito, son conquistas que deben perdurar. A pensión é máis que unha paga; é o recoñecemento ás persoas que traballaron, a consideración ás persoas maiores. Iso di moito da dignidade do país

Ábalos cre que se deben buscar solucións para garantir a viabilidade do sistema de pensións e neste senso insiste na proposta do PSOE de financialas cun imposto á banca.

Faise xa noutros países, e parte da filosofía de que quen ten máis beneficios debe achegar máis á sociedade. Ademais é de xustiza, por reciprocidade, porque a sociedade fixo un grande esforzo por dar axudas para salvar a banca

Descarta Ábalos que este imposto vaia repercutir nos clientes dos bancos.

Nós propoñémolo a conta dos beneficios. Quere dicir que non terá repercusión nos clientes. É unha taxa extra; non se pode repercutir

Sobre a negociación do novo modelo de financiamento autonómico, Ábalos apunta que "o Goberno debe facer unha proposta, e así temos con que discutir". Non é partidario de perdoar débeda:

O que incumpre non debe ser premiado, pero hai comunidades autónomas que arrastran infrafinanciamento e acumulan déficit; aí si que cómpre revisar, pero noutras que caeron na corrupción non hai perdón posible

Ábalos critica que se teña aberto o debate sobre a prisión permanente revisable e culpa diso ao PP e a Ciudadanos.

Abrir este debate esta semana na que estamos de dó é unha falta de respecto. Cando a dor e a repugnancia están aí, é difícil debater sobre esas cuestións. Hai que facelo noutro ambiente. Este debate poderiámolo aforrar, se o PP e C's non quixesen facer política desta desgraza. Poderiamos aforrar este debate. Abonda con estar pendentes do Tribunal Constitucional, que é o que ten que decidir; non enredar nin confundir nin facer política para esconder outros problemas e incapacidades. É xogar con sentimentos

Por último, José Luis Ábalos apunta que Mariano Rajoy preside "un Goberno paralizado, sen proxecto nin capacidade para resolver problemas".

É incapaz de sacar nada adiante, nin sequera cos seus socios de C's. Vese agora que o problema non era a investidura de Rajoy, senón gobernar, e non pode

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí