CRTVG

Buscar

Os almorzos

Cesáreo González Pardal, secretario do Cluster do Turismo

11/09/2017 - 08:19 h
Cesáreo González Pardal, secretario do Cluster do Turismo

O secretario do Clúster do Turismo, Cesáreo González, pide maior control sobre os aloxamentos de peregrinos que abren no Camiño Francés, porque "están medrando establecementos que non están dentro da legalidade" e que "ofrecen unha imaxe deplorable".

No mesmo sentido falou González dos episodios vividos este verán entre os visitantes das Cíes que quedaron en terra pola venda excesiva de billetes das navieiras que fan o traxecto, apuntando á necesidade dun maior control: "A Administración ten as ferramentas para que isto non suceda"

Nos Almorzos do 'Galicia por diante', o secretario do clúster repasou os retos do sector turístico galego, que este ano está batendo records. Por unha banda, apuntou a marxe de mellora na calidade dos servizos a través da formación, tanto do persoal de atención ao cliente como dos directores dos negocios.

Por outra, sinalou a necesidade de "redistribuír os fluxos de turistas", xa que "todos queremos estar no mesmo sitio, o mesmo día, á mesma hora", algo que é preciso regular. Nese sentido, Cesáreo González loou as actuacións que se están realizando tanto na Costa da Morte como na Ribeira Sacra para captar os visitantes que adoitan establecerse noutras zonas.

Tamén apuntou González a necesidade de regular as vivendas de uso turístico tras a recente impugnación do decreto da Xunta por parte da Comisión da Competencia, que considera innecesarios moitos dos requisitos establecidos pola Administración. Lembrou González que máis de 4.500 propietarios solicitaron regular os seus inmobles, o que demostra a resposta do sector. "O turista ten que sentirse tranquilo á hora de ir a estes establecementos", apuntou, sen negar que a norma pode ter marxe de mellora: "Todo é mellorable".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí