CRTVG

Buscar

Os almorzos

Carmen Santos asegura que non está adscrita a En Marea e defende a marca Podemos

13/03/2018 - 08:23 h

A secretaria xeral de Podemos Galicia defende a marca da súa organización e consultaralles aos inscritos en toda Galicia se queren chegar a acordos en coalición ou con marcas consolidadas nas próximas eleccións municipais. Carmen Santos asegurou nos 'Almorzos' da Radio Galega que "non está adscrita a En Marea, un espazo político que colleu estrutura de partido, co que chegaron a un acordo preelectoral, pero mantendo cada un a súa autonomía".

Santos é partidaria de que a marca da súa formación apareza e puxo como exemplo o de Cataluña con En Comú Podem, que "aquí en Galicia podería ser Podemos En Marea".

A tamén vicevoceira de En Marea no Parlamento apuntou que a vinculación de Podemos foi fundamental para acadar as alcaldías das principais cidades da provincia da Coruña. A líder da formación morada en Galicia non desbota a posibilidade de que "haxa algún lugar no que posiblemente se presenten Podemos e En Marea por separado".

Os cidadáns teñen que sentirse referenciados -dixo- e queren saber quen participa nas candidaturas; é de sentido común

Sobre a folga feminista do pasado 8 de marzo non cre que tomase nota o PP e ve que "manteñen unha posición forzada ante o bandazo que deron porque é un partido machista na súa estrutura". Carmen Santos considera que as mulleres do PP deberían "unirse e reivindicar que temos que reconciliar, que temos os mesmos dereitos que os homes".

Agora veremos que medidas toma o Goberno para afrontar a situación

Neste sentido a secretaria xeral de Podemos Galicia apuntou que sería importante que se aprobase a equiparación dos permisos de maternidade e paternidade entre homes e mulleres. 

Carmen Santos referiuse á prisión permanente revisable e ao debate sobre este asunto tras o crime do pequeno Gabriel.

Estamos implicados coas familias que sofren estas situacións de asasinatos, pero non hai que caer no debate fácil. Hai que deixar que os xuíces fagan o seu traballo e non caer en debates simplistas e nun proceso penal vulnerable

Carmen Santos defendeu na Radio Galega o modelo de país de Podemos e asegurou sentirse cómoda no Parlamento. Así e todo, cre que é moi difícil acadar acordos co PP. Dende o seu punto de vista, en Galicia "o PP ten un grave problema coa corrupción, con moitos cargos implicados, e será difícil acordar con eles na loita contra a corrupción".

Santos criticou as políticas do PP e dixo que loitarán contra o seu neoliberalismo, que "converte a sanidade e a educación nun negocio". Tampouco se esqueceu de Ciudadanos, partido que considera da extrema dereita, ao que lle afeou que estivese a favor de "facer comercio co útero das mulleres".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí