CRTVG

Buscar

Os almorzos

Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galicia

14/09/2017 - 08:18 h
Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galicia

Nos Almorzos do Galicia por Diante Carmen Santos quitálles importancia ás discrepancias que poida haber entre os distintos sectores que integran En Marea. Asegura que Podemos Galicia segue apostando por espazos de unidade de cara a futuras eleccións pero engade que está por decidir se concorrerán dentro de En Marea ou con En Marea. 
Santos asegura que non se arrepente de terse integrado no proxecto da marea nas pasadas eleccións autonómicas, ó que a formación morada se sumou a última hora tras ceder no que consideraban unha liña vermella, e renunciar ás súas siglas. 
Precisamente, sobre a denuncia que interpuxo nos xulgados o secretario xeral de Podemos en Arzúa contra ese acordo, Carmen Santos asegura estar tranquila e asume con normalidade que hai "xente que necesita estar na crítica e ter o seu momento de gloria".
Carmen Santos, tamén deputada, asegura que os lazos entre os membros do grupo parlamentario de En Marea son cada vez "máis fraternos" e ata di que co tempo mesmo poden acabar todos conformando unha única organización política pero, engade, é un proceso que non se pode facer de maneira artificial.

A secretaria xeral de Podemos Galicia falou ademais doutros asuntos da actualidade. Sobre o Pazo de Meirás cre que a postura do PP é "bochornosa" e que hai que utilizar os mecanismos legais necesarios contra os que "exaltan o fascismo".

De cara o próximo debate sobre o estado da autonomía, Santos pon o foco no emprego para denunciar que os niveis de precariedade están en mínimos históricos e pedirlle á Xunta que explique o seu modelo laboral para atallar esta situación. 

A secretaria xeral de Podemos Galicia falou tamén sobre a situación en Cataluña. Asegura que a imposición e o uso dos tribunais non fai máis que incrementar a confrontación e avoga polo diálogo e un referendo pactado dentro dos mecanismos do estado. Podemos, asegura non lle prohibirá a ninguén votar porque os cataláns, recalca, teñen dereito a decidir o seu futuro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí