CRTVG

Buscar

Os almorzos

"A Coruña só sae na televisión no apartado de sucesos"

14/05/2018 - 08:21 h

A presidenta do PP coruñés, Beatriz Mato, critica a xestión do actual equipo de goberno na cidade. Afirma que a cidade está paralizada, sen investimentos e sen solucionar os problemas dos veciños. Ao seu xuízo, En Marea só busca a confrontación porque "nese senso séntense moi cómodos".
Un ano despois de ser nomeada presidenta do partido, fai balance nos 'Almorzos do Galicia por diante'.

Teño a mesma sensación que hai un ano. É lamentable ver como, despois de máis de 365 días, a cidade segue a estar igual ou peor, no senso de que está igual de sucia, igual de abandonada. Á xente séguelle a preocupar a seguridade. Á xente séguelle a preocupar a falta de luz. Á xente séguelle a preocupar que non lle fagan os investimentos que precisan nos barrios, que non teñan as prazas arranxadas, que a liña do bus non lle chegue coa periodicidade que quere ou que non lle chegue ata un punto determinado. En definitiva, problemas que son do día a día, que deberían ter resposta e que por parte do Concello non a teñen

Nós si sabemos como se goberna. Nós si sabemos facer xestión e temos experiencia ademais de xestión e, polo tanto, somos quen de mobilizar este gran transatlántico que é a cidade da Coruña, que a día de hoxe está á deriva totalmente e que lamentamos profundamente que sexa así

A presidenta do PP destacou ademais que A Coruña é a cidade galega que menos reduciu o paro. Acusa o Goberno municipal de paralizar a cidade e como exemplo puxo o proxecto para reformar a actual avenida de Alfonso Molina.

Segundo explicou, iniciáronse tres proxectos a un tempo en Galicia: a ampliación da ponte de Rande, a ampliación da AP-9 en Santiago e a reforma de Alfonso Molina. As pegas que puxo o Concello fixeron que a día de hoxe, di Beatriz Mato, as dúas primeiras obras xa sexan realidade e a da Coruña está paralizada.

A min dóeme como coruñesa especialmente que a miña cidade non teña ningunha relevancia, ningunha

A única vez que saímos na televisión, no 'Telediario' de La 1, porque historicamente é dos que máis se ven ao mediodía... excepto a TVG, por suposto (ri)... por suposto o 'Telexornal', que ten moita, pero estou falando da audiencia que ten a nivel nacional... só saímos no apartado de sucesos

A Coruña só aparece cando, lamentablemente, temos un afogado na praia do Orzán. Non temos nin un só acto cultural. Non hai absolutamente nada, ningún congreso potente polo que poidamos dicir que A Coruña é algo destacado. E iso a min dóeme especialmente

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí