CRTVG

Buscar

Os almorzos

"As últimas enquisas electorais avisan o PP de que algo non vai ben. Deberiamos reflexionar e tomar medidas"

24/05/2018 - 08:29 h

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, estivo esta mañá nos 'Almorzos' da Radio Galega e fixo un repaso á actualidade política do país. Santalices referiuse ás últimas enquisas electorais. "As enquisas son avisos, como os que dá o corpo ante unha enfermidade. As que saíron o outro día non me gustan; din que algo non vai ben e deberiamos reflexionar e tomar medidas para mellorar". Santalices cre que a clave está en achegarse á xente. "O PP non pode ter niveis tan baixos de percepción da xente. Eu creo que nalgún sitio non estamos entre a xente e iso é imprescindible. Vigo é un dos casos e hai que corrixilo; se non, non teremos un bo resultado". Engade Santalices que "sempre fomos un partido próximo, polo menos en Ourense, e non é fácil. Fai falta valentía, decisión e meternos entre a xente para corrixir este aviso que nos envían as enquisas".

Referiuse tamén o presidente do Parlamento á consulta de En Marea que determinou que o 85 por cento dos inscritos opina que a deputada Paula Quinteiro, implicada nun incidente coa Policía Local de Santiago, debe dimitir. Apunta Santalices que "non sei cal é a consecuencia deste resultado á vista das súas declaracións. Hai que esperar unha decisión. Institucionalmente non podo dicir nada, é cousa do grupo. Agora a decisión está entre a deputada e o grupo. Como membro do PP digo que isto non pasaría no noso partido. Xa se dimitiría no primeiro momento". Sobre as consecuencias que pode ter esta polémica na composición do Parlamento galego, é dicir, sobre a posibilidade de que Paula Quinteiro acabe no Grupo Mixto, di Santalices que "iso decídeno os deputados; eu non sei se vai haber Grupo Mixto. Será fundamental o percorrido que teña a decisión das bases; aí estará a clave de como evoluciona a coalición de En Marea. Eu desexo que se resolva canto antes porque é o mellor para o Parlamento e para a estabilidade".

Sobre o accidente da pirotecnia de Tui, o presidente do Parlamento apunta que "é un drama, é un accidente grave e neste momento todas as administracións públicas se deben abrir a axudar as vítimas". Tamén fai unha reflexión sobre que "temos unha cultura especial cos fogos. Recomendo precaución porque hai moitos accidentes por artefactos de pirotecnia".

 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí