CRTVG

Buscar

Os almorzos

"As mulleres pasamos por situacións de micromachismos acotío"

08/03/2018 - 08:23 h

Asegurouno na Radio Galega, no 'Galicia por diante', Marisol Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas. Esta científica galega tamén apuntou que son moitas as mulleres que deixan en segundo plano a súa carreira profesional para dedicarse á familia por falta de apoio.

Discriminación
Soengas referiuse ás barreiras que aínda persisten, como "a oblicuidade na avaliación de currículos, a fenda salarial e a sobrecarga de traballo". A bióloga deixou claro que para acadar a plena igualdade é tamén necesario "compartir as baixas maternais coa parella porque a muller é a que aínda se ocupa máis dos fillos".

Ademais, recordou que na historia as científicas tiveron que soportar a discriminación e non se fixeron visibles os seus esforzos, malia a súa achega á ciencia.

A investigación en España
Marisol Soengas traballou durante anos nos Estados Unidos, pero decidiu volver porque pensa que España "é un país no que se pode investigar, pero póñense trabas para a contratación e estase perdendo competitividade".

Lembrou que a "innovación é rendible porque as patentes reverten en cartos e en contratos". Como investigadora máis influente do melanoma dixo que "o meu soño é que a investigación do meu grupo, no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, sexa útil". Considera que o seu traballo beneficia a outros e contribuíu a "diagnosticar mellor o melanoma e coñecer como se disemina o tumor". De feito, elaboraron un composto que xa está en ensaios clínicos para un posible tratamento.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí