CRTVG

Buscar

Os almorzos

"As mareas están a facer un traballo aceptable nos concellos"

04/01/2018 - 08:21 h

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, asegura que nas próximas eleccións municipais reeditaranse os pactos e as Mareas volverán a presentar candidaturas en cidades e concellos. Na entrevista dos Almorzos do Galicia por Diante, lembra que Esquerda Unida aprobou o pasado verán un documento político no que aposta polos procesos de confluencia e que niso están a traballar dende o 2015. Destaca que os partidos son actores relevantes pero que "a ausencia de tutelaxe nas mareas e a situación de respecto e colaboración farán que o proceso se volva a dar".

A deputada de En Marea fai un balance positivo dos gobernos das mareas. Admite que " nalgunhas cidades hai máis dificultades, noutras menos... en función dos equilibrios e os resultados pero en xeral fíxose un esforzo importante para aparcar cuestións das organizacións políticas e por poñer en común. Creo que sendo unha forza nova, a da confluencia, fíxose un traballo aceptable nos concellos que aínda pode mellorar moito as espectativas que tiñamos"

Entre as dificultades que están a ter, destaca as trabas que impón o goberno do Estado para poder remunicipalizar servizos, un dos compromisos das mareas nas pasadas eleccións municipais.

Ao preguntarlle polas discrepancias no seo do grupo parlamentario de En Marea e dentro da confluencia, Solla quítalles ferro e lembra que son "unha suma de forzas políticas diferentes pero coa máxima común de  antepoñer os intereses dos cidadáns antes que o das forzas políticas".

A deputada de En Marea destaca que o grupo parlamentario fixo no pasado período de sesións un bo traballo e di que "sempre se pode mellorar, pero creo que estivemos á altura do traballo que se agarda do primeiro grupo da oposición". Asegura que no próximo período de sesións seguirán poñendo o acento "na defensa dos servizos públicos" e na presentación de iniciativas para "loitar contra a precariedade laboral e a exclusión social". Así, destaca que se mobilizarán na defensa da sanidade pública e critica a lei de saúde que se tramitará no Parlamento de Galicia nos próximos meses.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí