CRTVG

Buscar

Os almorzos

"As empresas producen o mesmo que antes da crise, pero con 1'5 millóns menos de traballadores"

14/06/2018 - 08:23 h

O responsable de Comisións Obreiras, Ramón Sarmiento, pide que o Goberno actúe con valentía para tumbar elementos centrais da reforma laboral, e que o faga se os sindicatos e os empresarios non dan chegado a un acordo.

Considera prioritario eliminar a posibilidade de que "o empresario faga unha modificación unilateral do marco individual e do marco colectivo das condicións de traballo". Tamén reclama urxente eliminar "que o convenio sectorial sexa prioritario sobre o convenio de empresa" ou tomar medidas na aplicación do contrato a tempo parcial, que cualifica como abusivo, precarizador e fonte de fraude, tanto para o empregado como para a Seguridade Social.

"Hai elementos centrais da reforma laboral que, se non é viable pactalos no ámbito bipartito, imos emprazar ao Goberno a que actúe unilateralmente dende a Administración, axudando, claro, a que se xere esa maioría parlamentaria".

E indicou que "a patronal, ata o de agora, xogaba con vantaxe, porque tiña un firme aliado no Goberno".

"Hai que facer máis que volver ao escenario previo á reforma laboral. Hai que formular na nosa normativa novas figuras, sobre todo no tocante á flexi-seguridade. Non temos ningún elemento que nos faga, con garantías de estabilidade, poder sacar o noso país desta posición na que estamos, que somos un país récord en precariedade e récord en temporalidade. Non hai ningunha causa económica nin tampouco ningunha eiva empresarial que nos diga que o noso país ten que ter un 25 por cento de temporalidade no mercado de traballo".

"Este país está hoxe producindo bens e servizos ao mesmo nivel que o ano 2008. Pero estao facendo cun millón e medio de traballadores menos. As empresas dispoñen de 37.000 millóns de beneficios superiores aos de 2008. E o ÍBEX reparte en dividendos 15.000 millóns de euros máis que no ano 2008".

"Mentres tanto, no mercado de traballo, a clase traballadora pobre é unha realidade que non coñeciamos hai unha década. Temos traballadores pobres. E temos xente nova que a metade non ten oportunidade nin dun bo nin dun mal emprego. O único que lles estamos ofrecendo é a posibilidade de desenvolver a súa alta capacidade formativa noutros países".

Sarmiento tamén criticou o tratamento fiscal do que gozan os empresarios, en comparación co que pagan os traballadores.

"É indecente que os empresarios dispoñan dunha arquitectura de recadación fiscal que habilite que, de cada dez euros, vía empresarios só chegue un ao orzamento. Seguimos sendo os traballadores e os consumidores, a través do noso IVE, os que acehgan o 90 por cento dos recursos. Isto hai que ordenalo. O das SICAV hai que cuestionalo. O das empresas interpostas hai que cuestionalo. Os beneficios do capital teñen que achegar máis".

 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí