CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Pode haber milagres e ser mellores, pero coas cousas de comer non me xogues"

06/06/2018 - 08:23 h

O representante da Xunta de Vicepresidentes da Confederación de Empresarios de Galicia, que na práctica exerce como máximo responsable da organización, Antonio Fontenla, pide que o novo Goberno de Pedro Sánchez non faga cambios bruscos nas políticas económicas e laborais que herda de Mariano Rajoy.

Estabamos sendo, dentro da nosa área económica, o país que máis medraba, os que máis creciamos. Incluso, como ademais Italia estaba con problemas de inestabilidade política, pois eramos case un exemplo

Agora espero que recuperemos rapidamente este tema e que todas as medidas que tome o novo Goberno sigan para crear riqueza e emprego, que se manteñan ou incluso que se incrementen e que non haxa un gasto desmesurado. Neste sentido, o nomeamento de Nadia Calviño, que vén de Bruxelas, pode ser unha garantía

Mariano Rajoy fixo un esforzo importante. Eu poríalle un notable alto. Soubo ter unha tranquilidade nos momentos perigosos, nos momentos nos que estivemos a punto de ser intervidos pola Unión Europea. Foron uns momentos nos que había que dar tranquilidade, e Mariano, coa súa calma, sempre soubo dar unha sensación de que non pasaba nada

Fontenla rexeita a posibilidade de derrogar a reforma laboral ou outras normas que, segundo di, contribuíron a chegar a un momento de gran dinamismo para a economía española e galega. Destacou, por exemplo, o pulo das exportacións en Galicia.

Todo o que toque temas que están funcionando, pois... pode haber milagres e ser mellores, pero posiblemente, como dicía aquel, coas cousas de comer non me xogues

Fontenla tamén definiu a Alberto Núñez Feijoo como un magnífico candidato para suceder a Mariano Rajoy.

Feijóo sería un grandísimo candidato. Por outro lado, teño pena porque digo que non quero que se vaia (ri). Pero tamén ás veces é importante que Galicia siga presente cun político tan formado como o noso presidente e faríao perfectamente

O actual responsable en funcións da CEG tamén falou do futuro da propia institución, que dirixe de forma interina. Pide solidariedade entre os empresarios para elixiren o novo presidente, pero rexeita dar datos concretos.

Hai varios nomes. De momento, están consensuados entre tres confederacións provinciais. Falta convencer para que se adhira a outra. Galicia sempre ten un problema: que somos catro. E á hora da verdade dividímonos en dous: dous e dous. A verdade é que temos que ser solidarios e sacar a CEG do marasmo que ten neste momento

Hai posibles candidatos, polo menos, de dúas provincias: Pontevedra e A Coruña. Pode haber algún de Ourense. E algún de Lugo (ri), ou sexa que temos de todo

Se miramos os últimos tempos, en realidade, Vigo... O presidente que me sucedeu a min foi Alvariño, que era de Pontevedra. Despois veu Dieter, que era de Ourense, aínda que en realidade representaba os centros de formación. E despois veu Antón Arias, que era da Coruña. Eu creo que o que ten máis dereito a reivindicar nesta orde de cousas, estou falando coloquialmente, sería Lugo, que desde o presidente fundador non volveu ter outro presidente

Fontenla rexeitou apoiar expresamente ningún candidato, dada a súa posición de xefe interino da CEG.

Todo o mundo me di: "Antonio, isto tes que arranxalo ti". Pero eu non podo facer milagres. Só podo facer o que me deixan os demais e, ademais, sería malo que fose eu o que puxese un presidente

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí