CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Quen se afaste da idea de unidade de En Marea será penalizado"

09/04/2018 - 08:23 h

O voceiro nacional de Anova explicou nos 'Almorzos' da Radio Galega que en En Marea "estamos a construír un espazo plural e diverso".

Todos debemos ter vontade de traballar por un espazo común no que non debe haber diferenzas, senón só o interese de defender a xente. Cómpre deixar de lado as dinámicas de parte. Nós non estamos en En Marea para defender unha organización cun fin en si mesmo, senón para tratar de construír unha ferramenta útil para esa maioría social que nos apoiou e que ten problemas comúns

Engade Antón Sánchez que "o éxito de En Marea nas últimas eleccións foi que, por diante dos intereses de partido, soubemos poñer outros intereses. Por iso a xente non entendería que ante o que está pasando en Galicia actuásemos doutro xeito. Quen se aparte desa idea será penalizado".

Sobre o caso de Paula Quinteiro, a deputada de En Marea implicada nun incidente coa Policía Local de Santiago, Antón Sánchez apunta que "xa se alonga demasiado a polémica".

Teño claro que neste caso cómpre actuar conforme as regras que nós mesmos marcamos. En Marea dotouse de instrumentos dabondo para solucionar estas cuestións. No grupo parlamentario adoptamos un acordo que vai nesa liña: instaba a abrir un expediente informativo e a partir de aí cinguirse aos procedementos regulados e actuar. É importante non alimentar a polémica e falar dos problemas da xente. Non se pode estar tres semanas nos medios só con este tema. Iso é indicativo de que o temos que facer mellor

Preguntado pola posibilidade de que se lles consulte ás bases de En Marea sobre a posible dimisión de Quinteiro, tal e como defende o voceiro, Luís Villares, Sánchez asegura que "é fundamental ter en conta as bases, pero seguindo os procesos regulados".

Hai previsto un procedemento revogatorio, pero con todas as garantías. A xente que ten que opinar ten que facelo sobre información nosa, non sobre o que pon a prensa. Así, un expediente informativo e os procedementos regulados son as claves neste caso

De cara ás eleccións municipais do ano que vén, Antón Sánchez apunta que "En Marea considera importante a cita de 2019, porque en 2015 demostramos que somos quen de derrotar ao PP. Queremos ter outra primavera de derrota do PP".

Sánchez defende o labor dos alcaldes das mareas en Santiago, Ferrol e A Coruña.

A miña opinión dos tres alcaldes é a mellor. Están soportando os ataques non só da dereita, senón dos poderes que se ven ameazados e, grazas á súa personalidade e bo facer, mesmo saen reforzados. Deberiamos ter claro que, cando os atacan a eles, atácannos a nós. En vez de clima de colaboración, a Xunta pon paus nas rodas deses gobernos. É un espectáculo lamentable

Sobre a posible continuidade destes alcaldes, "que sexan candidatos ou non dependerá deles e das asembleas. O que é certo é que as mareas abriron un camiño para derrotar ao PP".

Antón Sánchez falou tamén dos orzamentos xerais do Estado.

Son uns orzamentos antisociais e en Galicia consolídanse os recortes do ano pasado.Nós non podemos avalar este tipo de políticas de recortes á dependencia ou pensións con menos poder adquisitivo

Di Sánchez que "no Parlamento se demostra que En Marea non ten problema con chegar a acordos, pero temos un problema, que é a falta de respecto ao Parlamento que demostra Feijóo continuamente, xa que non aplica os acordos da Cámara".

E sobre a súa oposición á reforma da Lei de Sanidade aprobada cos votos só do PP, "os populares sempre están a favorecer os intereses privados, cando a sanidade pública é a máis eficiente para que todos teñamos os mesmos dereitos. O PP sempre apoia políticas de favorecer o privado".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí