CRTVG

Buscar

Os almorzos

Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea no Parlamento

08/09/2017 - 08:23 h
Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea no Parlamento

O vicevoceiro parlamentario de En Marea fixa como prioridades do seu grupo neste novo periodo de sesións a loita contra o desemprego e facerlle fronte "á dereita reaccionaria". Antón Sánchez explicou que para a súa formación o principal problema de Galicia segue a se-lo paro e que defenderán "á xente que non ten traballo, ós mozos e maiores de 50 que non poden traballar ou que aínda tengo un emprego é en condicións de precariedade".
  Sánchez amosou o seu rexeitamento á Lei de Implantación de Iniciativas Empresariais que impulsa o grupo do PPdG, porque segundo dixo "pretende agasallar ás empresas cos nosos recursos naturais e entregarlles os sectores mineiro, eólico e forestal".
  O deputado de En Marea insta a Alberto Núñez Feijoo a exercer como  presidente da Xunta e "non como un delegado do Goberno". Acusouno de "non reclamar diante do Goberno Central nin cando se aldraxa a Galicia" e lamentou a súa posición en temas como o traspaso da titularidade da AP-9, o financiamento autonómico ou o pazo de Meirás. 
  Sobre este inmoble, Antón Sánchez insiste en que "legalmente é posible expropialo e se hai vontade política é posible cambiar a lei para que o Pazo se incorpore ó patrimonio público". Lembrou ademais que o seu grupo presentou unha iniciativa parlamentaria neste sentido.
  En canto á situación política que se vive en Cataluña, o vicevoceiro de En Marea asegurou que "non se trata dun problema entre o Goberno Central e a Generalitat, senón de que Mariano Rajoy trata de truncar a vontade maioritaria dos cataláns". Dixo que o Estado está facendo un exercicio "antidemocrático" no que responde "con represión e ameazas".
   Engadiu que non cre que este conflito poida prexudicar a Galicia na negociación do sistema de financiamento autonómico, xa que segundo asegurou "En Marea cuestiona o modelo mesmo no que o Estado é o centro e decide a repartición de fondos ás autonomías". Avogou por que "Galicia teña unha maior soberanía fiscal para poder exercer o control sobre os seus recursos".
    Cuestionado pola situación interna de En Marea, Antón Sánchez afirmou que traballan pra que a formación "integre a pluralidade e reforce as mareas locais, pero nestes momentos a prioridade é outra, facerlle fronte á dereita reaccionaria".
   Defendeu o labor dos alcades de Santiago e da Coruña "fronte ós ataques moi belixerantes daqueles poderes que se ven ameazados por gobernos municipais que non controlan". Asegurou que os rexedores están sendo leiais coa dirección de En Marea e concluiu aseverando que "temos a necesidade de representar a un amplo abano da sociedade que precisa unha alternativa políticae para iso é necesaria a unidade popular e a integración da pluralidade".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí