CRTVG

Buscar

Os almorzos

Antón Sánchez: "As críticas hai que dosificalas"

07/06/2018 - 08:25 h
Antón Sánchez:

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, pídelle a Esquerda Unida que dosifique as súas críticas e traballe conxuntamente coas Mareas para construír unha alternativa ao Partido Popular. Sánchez non comparte as declaracións efectuadas por Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida en Galicia, asegurando que En Marea era un partido ornamental: "En Marea ten erros que detectar e cambiar -asegurou Sánchez nos 'Almorzos do Galicia por diante'-. Debemos traballar para conseguir chegar á amplitude e á diversidade. A crítica hai que dosificala -apunta-. Nun momento como o actual hai moito que facer de cara ás municipais. As Mareas están sometidas a moitas presións; temos que ser de axuda e non un estorbo".

"A nosa aposta son as mareas municipais"
Antón Sánchez defende a marca das "mareas municipais" para concorrer ás próximas eleccións locais. Lembra que nos comicios de 2015, aínda que concorrían con diferentes nomes -Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común...-, o electorado identificou a todos como o mesmo movemento: o das Mareas. Sánchez reivindica o éxito desta fórmula e insiste en que a aposta de Anova son as mareas municipais: "Eu agardo que a aposta sexa polas mareas municipais e que non haxa franquías de Unidos Podemos, En Marea ou Anova". As mareas foron capaces de sumar. Reducir ou dividir non nos parece positivo"

Para Sánchez, son as candidaturas de unidade popular as que deben ter a última palabra: "A decisión de como se presenta e o nome correspóndelles ás asembleas de cada candidatura de unidade popular".

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, pide pasar páxina tras o incidente protagonizado pola deputada Paula Quinteiro. Cre que "foi excesivo estar dous meses con esta cuestión" e pide centrarse de agora en diante no traballo parlamentario coa idea de ser "útiles á sociedade" e converterse nunha alternativa ao Partido Popular.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí