CRTVG

Buscar

Os almorzos

Antón Fernández Álvarez, vicepresidente da CIUGA

19/05/2017 - 09:29 h
Antón Fernández Álvarez, vicepresidente da CIUGA

O vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia, Antón Fernández, cre que este ano non vai haber grandes cambios nas probas de acceso á universidade. Nos Almorzos da Radio Galega, o profesor Fernández sinalou que o mellor sería ter habilitado unha prórroga do sistema anterior para evitar incertezas de última hora. Con todo, o membro da Comisión Interuniversitaria asegura que a maior diferenza con respecto á Selectividade non está na proba en si nin no sistema de avaliación, senón no acceso ás carreiras. 
"Diferenza como tal na proba de acceso á universidade non hai moita. Posiblemente o que hai máis é a competencia á hora de acceder á titulación que un queira facer".
Antón Fernández lamentou que a maior parte do curso se desenvolvese sen que a comunidade educativa tivese unha idea clara sobre como sería este ano a proba de acceso á universidade.
"Este ano houbo moitas dúbidas sobre como sería a proba de acceso á universidade por ese calendario horrible que ao final tivemos".
Nesta situación, Fernández apostaría por unha prórroga da antiga selectividade.
"Moito mellor sería que houbese unha prórroga do sistema anterior, porque ao final non é que agora cambien tantas cousas. O único que acabou xerando este proceso foi incerteza e nerviosismo nos propios rapaces, nos profesores dos centros de Bacharelato e en nós mesmos, porque a mes de abril non sabiamos realmente por onde tiñamos que ir".
Tampouco no caso das materias troncais se van producir cambios.
"As materias troncais, agás unha que é a novidade, teñen o mesmo peso que no sistema anterior. Hai a que se chama "troncal de modalidade", que depende do tipo de Bacharelato que se faga. Nós entendemos que esa materia debería ter un peso adicional".
Durante a entrevista, o profesor Fernández reflexionou sobre o debate entre os que prefiren probas específicas ou máis xerais para acceder á universidade, sobre a reforma de titulacións ou sobre a coordinación do sistema universitario galego.
"As tres universidade galegas foron capaces de entenderse dunha maneira bastante ampla; non vexo conflito nese sentido".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí