CRTVG

Buscar

Os almorzos

Ana Pontón, voceira nacional do BNG

18/07/2017 - 09:26 h
Ana Pontón, voceira nacional do BNG

A voceira nacional do BNG pídelle á Xunta que faga a súa propia proposta sobre a reforma do modelo de financiamento autonómico no canto de queixarse das posicións de Cataluña e Euskadi.

Na entrevista dos Almorzos da Radio Galega, Ana Pontón afirmou que o Goberno galego "queda de brazos cruzados" e busca o enfrontamento con esas comunidades cando debería propoñerlle ao Estado un sistema de financiamento máis beneficioso pra Galicia. A voceira nacional do BNG cre que "un dos maiores problemas de Galicia é que está desaparecida da política estatal", e responsabiliza desa situación o presidente da Xunta, que, segundo dixo, "non alza a voz en defensa de Galicia e rachou o carné de militante de Galicia e quedou só co do PP".

Ana Pontón reclamou unha Facenda propia para poder xestionar todo o que se recada por impostos. Asegurou que o Estado só inviste en Galicia "unha parte moi pequena" dos 3.500 millóns de euros que recada na nosa comunidade.

A responsable do Bloque Nacionalista Galego explicou que o seu posicionamento pasa porque Galicia teña maior poder político dentro do Estado. Defende un modelo territorial "confederal no que Galicia é unha nación e debe ter capacidade para relacionarse en pé de igualdade con outros territorios". Criticou o "marco inamovible actual", que dixo, "é un corsé que nos discrimina e non nos deixar avanzar".

A líder do Bloque tamén se referiu ao veto do ministerio de Fomento á transferencia da titularidade da autoestrada do Atlántico a Galicia que acordou o Parlamento. Atribúe esa negativa á "falta de peso político de Alberto Núñez Feijoo no Estado" e a que o presidente da Xunta "ofrécelle coartadas ao Goberno Central e xustifica o veto".

Ana Pontón considera que o traspaso da AP-9 a Galicia é fundamental pra rematar cunha peaxes "que son unha estafa", dixo, e para lograr un mellor funcionamento da infraestrutura. Preguntouse por que o Goberno Central gasta 4.000 millóns de euros "en rescatar as radiais de Madrid, que é rescatar os bancos", mentres sobe as peaxes da AP-9, que engadiu, "son as que teñen menos descontos de España".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí