CRTVG

Buscar

Os almorzos

"En Ourense manda Baltar e en Galicia manda Feijóo"

27/03/2018 - 08:25 h

Ana Villarino, alcaldesa do concello ourensán de Oímbra, reivindica o labor dos municipios e reclama que se lles dea o lugar que merecen.

A Administración municipal ten que ter un peso importante. Os veciños, sobre todo nos municipios pequenos, achéganse aos concellos para pedir calquera cousa que necesiten; somos as administracións máis próximas

E iso debe ter tradución no financiamento.

Está demostrado que os concellos non son os que xeraron a débeda. Somos quen de xestionar os cartos case coma se fose economía doméstica e buscar financiamento. Os concellos fixemos un esforzo importante por rebaixar o déficit e, agora que temos superávit, é de xustiza gastalo en dar servizos aos veciños. Os concellos non queren os cartos para gardalos no banco; todo se vai en atender os veciños e mellorar as súas condicións de vida

Neste sentido, Ana Villarino reflexiona tamén sobre as fusións de concellos.

Non creo que as fusións sexan a saída, non creo que nas fusións se aforre tanto. Eu aposto por fusionar servizos ou compartilos para unha mellor atención aos veciños

Ana Villarino admite que ten idea de se volver presentar o ano que vén á alcaldía de Oímbra porque "non estou a favor da limitación de mandatos".

Mentres teña proxecto, ilusión e apoios, pódese continuar. Para algúns chegan catro anos e outros poden estar o tempo que consideren; cada un sabe cando marchar

Sobre a posibilidade de que Jesús Vázquez se volva presentar para a alcaldía de Ourense, Villarino di que "está demostrado que é un bo alcalde e pode continuar, pero tamén existen outros candidatos". No conxunto da provincia de Ourense dá por sentado que "Baltar (o presidente da Deputación de Ourense) formulará obxectivos ambiciosos de cara aos comicios municipais. Temos moitas alcaldías na provincia e imos revalidalas e mesmo superalas". Ana Villarino nega que haxa tensións entre o presidente da Deputación e o da Xunta. Afirma que "en Ourense manda Baltar e en Galicia manda Feijóo".

Villarino explica que as Mareas teñen pouca incidencia na provincia de Ourense.

Aquí aínda están lonxe e nas outras provincias tiveron o seu boom en 2015, pero xa se demostrou fracaso. A xestión amosou algo distinto do que vendían. En 2019 vaise ver minguado o seu resultado

E unha última reflexión sobre Paula Quinteiro, a deputada de En Marea que se viu envolta nun incidente coa policía.

Penso que non vai dimitir; pero, se fose ela, pediría perdón á cidadanía, á policía e ao Parlamento que representa porque fixo un mal uso do seu cargo. Cometeu un erro grave. Espero que non sexa a nova política

 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí