CRTVG

Buscar

Os almorzos

Alfredo García, presidente da FEGAMP

21/04/2017 - 09:27 h
Alfredo García, presidente da FEGAMP

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, e alcalde do Barco, Alfredo García, explicou nos 'Almorzos do Galicia por diante' que a actualización dos valores das propiedades incluídas no catastro provocou situacións "inxustas".

Defendeu a actualización, xa que "non pode ser que un veciño que tiña unha palleira que converteu en vivenda siga pagando como palleira", cando un veciño que ten a súa vivenda legalizada e actualizada "pague como vivenda".

Pero, fóra diso, denunciou a situación dalgúns concellos. "Como eses concellos, ao revisaren o valor catastral cobrando moito máis, ingresaron moito máis, despois veu o Ministerio de Facenda, e na liquidación tiveron que devolver cartos. Algún Concello tivo que devolver 600.000 euros porque cobrou máis do que viña cobrando".

"Como é posible que un alcalde lles suba os impostos, que lles suba o IBI aos veciños e ao final eses cartos, en vez de quedaren no concello, para investimentos no concello, volvan para Madrid? Iso é inxusto".

O presidente da Fegamp tamén valorou como "interesante" a proposta da Xunta de darlles axudas a aqueles concellos que, para atraeren empresas novas, non lles cobren algúns impostos.

Matizou que moitos concellos, nos parques empresariais, xa están aplicando grandes descontos. De exemplo puxo o caso de municipios que están cobrando só un 5 por cento do imposto que grava as licenzas de obra e as construcións, xa que o outro 95 por cento o teñen bonificado. E outro tanto con impostos e taxas como o IBI ou o IAE.

"Iso non mingua a capacidade recadatoria dos concellos porque eses ingresos non existen porque non existe a empresa. Polo tanto, o feito de que se instalen as empresas nos nosos concellos non aumenta a recadación, pero xa a aumentará despois. Se esa empresa vai ter 10 ou 20 traballadores, eses traballadores despois teñen que vivir nunha vivenda, polo tanto aumentará a construción, e incluso eles pagarán impostos por outras vías. Os concellos debemos implicarnos".

"A idea, en principio, pode ser interesante. Incluso diría máis: é interesante. Creo que non foi oportuno que o presidente pola mañá dixese isto e lle comese, e así llo dixen, protagonismo ao verdadeiramente importante de onte, que foi a reunión da Comisión Galega de Cooperación Local, porque ese é un tema máis de todos os que tratamos".

O presidente da Fegamp enumerou tamén as medidas que acordaron onte coa Xunta. Entre outras, destacou que o Goberno galego vai crear unha bolsa de secretarios-interventores para suplir as vacantes que teñen algúns concellos.

Tamén que a Xunta será a encargada de tramitar e xestionar os exames das oposicións a policías locais naqueles concellos que o desexen.

Ademais, destacou que no curso 2017-2018 o Goberno galego asumirá os gastos enerxéticos dos colexios que "no seu día quedaron fóra sen moita xustificación" e que Sanidade asumirá como propios os centros de saúde que agora están baixo a xestión de 18 concellos.

Sobre as primarias do PSOE, García non quixo revelar a cal dos candidatos apoiará, aínda que recordou que acudiu á visita que fixo a Ourense o ex-secretario xeral, Pedro Sánchez.

"Sempre apostei por alguén que perde, xa estou afeito". Con todo, destacou que o importante "é que non perda o PSOE. Agora hai demasiada visceralidade e iso preocúpanos aos alcaldes porque hai enfrontamentos nas agrupacións de militantes".

"Pediríalle a quen gañe que se preocupe do partido e das eleccións locais e autonómicas".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí