CRTVG

Buscar

Os almorzos

Alfredo Díaz: "A liña de investigación segue aberta e non se descartan outras detencións"

10/02/2018 - 08:20 h

O inspector Alfredo Díaz, xefe do Grupo Greco en Galicia, asegura na Radio Galega que máis arrestos ao abeiro da operación Mito son posibles xa quea “liña de investigación segue aberta e non se descartan novas detencións”. Nunha entrevista no informativo Galicia por Diante Fin de Semana, Díaz non dá por totalmente desarticulado o entramado.

É un golpe duro á súa estrutura e á súa infraestrutura en España, pero seguimos a investigación tanto relacionada co tráfico de drogas como de branqueo de cartos e pensamos que falta algo de estrutura para desarticular

O xefe do Grupo Greco Galicia fala das ramificacións do entramado cuxo liderado atribúen a José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, para dicir que chegaban a nivel “mundial”. Na súa opinión e coa súa experiencia, segundo Díaz, este operativo pode figurar entre os máis importantes de España e Europa dende hai medio século.

En principio, tendo en conta quen era o líder da organización e con todo o entramado criminal co que contaba, non só en España, senón en Europa e en Sudamérica, pensamos que, se non a máis importante, é das máis importantes dos últimos 50 anos

O responsable policial recoñeceu que andaban trala pista de Miñanco dende hai uns dous anos e, malia apuntar que non desconfiaban da súa reinserción, si recoñece que a dúbida sempre planou sobre a figura de Miñanco unha vez que estivo no réxime de semi-liberdade.

Desconfiar non pero bueno, logo os feitos…sempre tes a dúbida e o temor de que volva reincidir e como se desmostrou e as estatísticas nolo demostran que non se reinsertou totalmente

O inspector tamén negou ter constancia de supostas filtracións das forzas de seguridade ao aseverar que “saíu en diferentes medios pero nós non temos constancia nin dentro do noso corpo nacional de Policía nin de Aduanas” e incidir en que “a día de hoxe non se demostrou o contrario”.

O xefe do Grupo Greco Galicia tamén recoñeceu o traballo da Audiencia Nacional, do xulgado central número 3 e da Fiscalía Especial Antidrogas porque “sen eles un caso así sería imposible chegar aculminar con éxito”.

No que atinxe á situación de Galicia como punto de entrada da droga en España e Europa, Díaz admitiu que está “a un nivel alto” e explicouno ao afirmar que “os grupos de galegos son requiridos por moitas organización sudamericanas, pero colombianas en concreto, pola súa experiencia en operacións marítimas".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí